Rescatada unha ciclista que caeu cando participaba nunha proba de montaña en Quiroga

A deportista foi a parar a unha zona de difícil acceso, polo que se requiriu a participación do GES de Quiroga-Folgoso do Courel

Unha ciclista sufriu unha caída cando participaba nunha proba de montaña en Quiroga, nunha zona de difícil acceso.

Debido á complexidade para acceder ao lugar, o equipo médico contou coa colaboración dos membros do GES de Quiroga-Folgoso do Courel, que participaron nos labores de traslado da deportista ata a ambulancia.

Un operativo de rescate que se activou ás 15:00 horas deste sábado logo de recibir o 112 Galicia a chamada de alerta dun particular que pedía asistencia para unha deportista ferida no medio do monte. Deste xeito, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Urxencias de Galicia avisou aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos membros do GES de Quiroga-Folgoso do Courel debido ás dificultades para acceder á ferida. De feito, os efectivos de urxencias colaboraron co equipo médico no traslado da ciclista ata a ambulancia, que esperaba no punto máis próximo ao accidente.

Desde o 112 Galicia fíxose uso das novas tecnoloxías para axilizar a localización da deportista ferida, como son o whatsapp e un SMS para o envío das coordenadas da súa localización, pero a rápida chegada do equipo médico guiou ao resto do operativo ata o lugar do accidente.

Comentarios