Lucía Varela pon en marcha unha iniciativa para recuperar o galego que falaban os avós

Trátase dunha moza de Toldaos, Pantón, que recolle nun glosario as palabras esquecidas para que os novos as aprendan
A tradutora Lucía Varela, na súa casa de Toldaos.L. V.
photo_camera A tradutora Lucía Varela, na súa casa de Toldaos.L. V.

Recuperar as palabras do galego dos nosos avós que xa están case ou totalmente esquecidas por falta de uso. Ese é o obxectivo de Lucía Varela Relegiel, unha moza de 27 anos da parroquia de Toldaos (Pantón), quen decidiu a principios de xaneiro deste ano comezar a facer unha recompilación das verbas galegas en deshuso.

"Dinme conta de que había xente da miña xeración e posteriores que xa non sabía o que significaban algunhas palabras. Tamén certas ferramentas que se deixaron de usar, pois a xente xa non sabía como chamarlles. Entón decidín apuntar nunha libreta todo o que escoitaba do meus avós, palabras que xa non se usaban, ou que se ían acabar perdendo polo abandono do seu uso", explica Lucía. De feito, a algúns maiores resultáballes complicado explicar o significado delas e incluso lles parecía estraño que non se entenderan.

Entón, Lucía Varela decidiu publicar un formulario en Google no mes de maio titulado "palabras en perigo de extinción" onde as persoas envían os termos e o seu significado. As súas pesquisas de recuperación céntranse, polo momento, en recompilar o léxico da zona de Pantón, pero non descarta ampliar a investigación a outras zonas da Ribeira Sacra.

Ata o de agora, esta tradutora de Toldaos conseguiu recoller 80 palabras esquecidas e 40 a través do formulario. Unha vez que llas mandan, Lucía fai unha pequena investigación, na que puido comprobar que algunhas non están na Real Academia Galega, polo que o seu traballo resulta, se cadra, máis interesante.

Entre as verbas máis estrañas que atopou Lucía destacan "pebide, que significa a semente dun froito e tamén a pel que lle nace ás pitas por debaixo da lingua e que hai que sacarlla; moutón, para referirse a alguén torpe; narón, para calificar a unha persona mal encarada; ou terminamos, que se usaba para referirse a que imos comezar a facer algo".

A Lucía gustaríalle moito que xente doutros concellos ou asociacións colaboren con ela neste proxecto cuxa idea a medio ou longo prazo é crear un glosario en internet con todas as palabras recollidas para que se poidan consultar. "Gustaríame difundilo entre os nenos para que rexurdan de novo", afirma Varela.

Polo momento, vai engrosando a listaxe léxica e "unha rapaza da Estrada de segundo de Bacharelato, que ten unha plataforma, contactou comigo e colaboramos".

A asociación cultural Segredos de Pantón axudou a difundir o proxecto que comezou moi pouco a pouco, e agora xa recibe ata por Whatsapp mensaxes con palabras esquecidas. "Cando as recibo, ordénoas e vounas gardando co seu significado", relatou.

Co comezo do curso escolar á volta da esquina, para Lucía Varela sería interesante difundir a idea entre os rapaces e institutos para colaborar cun único fin común: que o galego do pobo non se perda. Se alguén quere enviar algunha palabra pode facelo a [email protected].

Comentarios