Rebentan dous depósitos de gasoil nunha casa de Monforte por un incendio

O lume orixinouse por un curtocircuíto no alpendre da vivenda, situada na parroquia do Chao do Fabeiro

Incendio en Monforte. TOÑO PARGA
photo_camera Incendio en Monforte. TOÑO PARGA

Un incendio no patio dunha casa provocou que dous depósitos con gasóleo explotasen este xoves en Monforte. Ocorreu no alpendre dunha vivenda situada no barrio do Fabeiro, na parroquia do Chao do Fabeiro. Os bombeiros do parque comarcal evitaron que o lume se propagase polos arredores do inmoble, pois cerca había unha palleira con rulos de herba acumulados na súa interior.

As chamas orixináronse debido a un curtocircuíto nuns cables situados no patio da vivenda. O incendio avanzou cara aos recipientes, que contiñan no seu interior uns 200 litros de gasóleo e rebentaron debido á acción do lume.

Non había ninguén na casa no momento do suceso. Os seus propietarios residen noutra vivenda, aínda que acoden diariamente á zona afectada polo incendio para levar a cabo diferentes labores agrícolas e gandeiras.

Para extinguir as chamas, os bombeiros contaron coa axuda dunha carroceta da Xunta, que solicitou un axente forestal que reside cerca. A sensación unha vez se controlou o lume era de alivio, pois os danos só foron materiais. A presenza do gasóleo e dos rulos de herba nos arredores puideron provocar unha maior expansión do incendio nunha zona habitada da parroquia do Chao do Fabeiro.

Comentarios