A comarca de Quiroga sufriu un pequeno sismo que non foi apreciado polos veciños

Doce horas antes rexistrouse outro tremor en Rianxo, na provincia da Coruña
Río Lor. EP
photo_camera Río Lor. EP

O Instituto Xeográfico Nacional rexistrou na tarde do día 24 un pequeno terremoto na comarca de Quiroga, á altura do quilómetro 500 da estrada Nacional 120, xunto ao río Lor.

Foi de baixa intensidade, de só dous graos de magnitude, ás 21.53 horas, e non foi percibido pola poboación, máxime cando o epicentro, segundo o servizo de sismología deste instituto, ocorreu a nove quilómetros de profundidade sobre a cortiza terrestre.

Doce horas antes rexistrouse outro tremor en Rianxo, na provincia da Coruña, tamén de baixa intensidade, de 1,8 graos. O día 23 houbo un sismo da mesma proporción na localidade ourensá de Quintela de Leirado.

Unha das zonas nas que se producen con máis frecuencia terremotos de baixa intensidade é entre Carballedo e O Saviñao, á altura de Ponte Mourulle, territorio no que desde hai varios meses non se detectou ningunha actividade sísmica.

Comentarios