Noa Moreira | Escritora de Salcedo

"Publiquei un libro intimista, de amor, vivencias e momentos que non quero esquecer"

A autora brollonesa presenta e asina o vindeiro venres, a partir das 20.00 horas, o seu primeiro libro, ‘Meteoro imantado’, no Ateneo Casino de Monforte. É un poemario que viu a luz grazas a unha iniciativa da editorial brasileira Urutau, que permitía a calquera persoa interesada enviar creacións co fin de poder publicalas
Noa Moreira. EP
photo_camera Noa Moreira. EP

Natural da parroquia brollonesa de Salcedo, Noa Moreira sempre escribiu, pero nunca se propuxera publicar. En 2019, moitos dos seus poemas pasaron a formar parte de Meteoro imantado, a súa primeira obra, que o vindeiro venres presentará e asinará no Ateneo Casino de Monforte.

Cando decidiu publicar os seus poemas?
Meteoro imantado foi escrito en moito tempo. Non o facía para publicar, pero acabei xuntando moitos poemas e enviándollos a amigos para que os leran. Din con Urutau, unha editorial brasileira que empezara a publicar en galego e tiña en marcha unha iniciativa para que calquera puidese enviarlles poemas. Fíxeno e gustoulles.

Esperaba que lle deran luz verde?
Ilusión sempre hai. Os meus poemas gustábanme moito, pero nunca sabes se para outros teñen a calidade suficiente.

Que é Meteoro imantado?
Un libro intimista, de amor e vivencias persoais. Todo xorde do proceso de escribir para min. Os poemas van contando unha historia da que non quero esquecer certos momentos.

Dende pequena levo un diario e a miña profesora de Galego no Daviña Rey animoume a comezar coa poesía

Están a ter éxito as vendas? Que lle di a xente que o le?
As vendas van bastante ben. Fíxose unha reimpresión e unha segunda edición. Na miña contorna tivo un alcance potente e a xente adoita sentirse identificada co que le. Os poemas son curtos e visuais, sinxelos de comprender.

É o seu primeiro libro, pero escribir non é algo novo para vostede.
Dende nena levo un diario e na adolescencia, animada por Xulia, a miña profesora de Galego no IES Daviña Rey monfortino, comecei coa poesía. Ela tiña un espazo chamado ‘Ollándonos’ e mesmo contactaba comigo cando eu xa marchara do instituto para que publicase nel. Ademais, en Salcedo había unha revista na que tamén escribía.

Di que nunca pensou en publicar.
Nunca o vin como saída profesional nin me parecía posible, aínda que me animou moito en cuarto de Eso levar o primeiro premio de Lugo nun certame da Xunta e cheguei a presentarme a un concurso no que lle publicaban un libro ao gañador. Pouco a pouco empecei a organizar e mellorar os poemas.

Que lle diría a alguén que non se atreva a publicar?
Cadaquén ten que atopar o seu momento, pero o importante é non desanimarse e afrontar que non se lle pode gustar a todo o mundo. Pode que haxa xente sen confianza na calidade dos seus traballos, pero é fundamental crer nun mesmo. A figura do poeta está moi mitificada, pero se escribes poesía, es poeta.

É difícil publicar hoxe en día?
Resúltame complicado valoralo, pois a min foime doado. Considérome afortunada. Fixen dous intentos e ao segundo, conseguino.

Moitos autores aconsellan ensinar as creacións nos círculos íntimos antes de publicalas.
A verdade é que si. Estudei Filoloxía catro anos en Vigo. Alí fixen unha amiga á que lle paso todo o que fago e dúas compañeiras tamén fan poesía. Nese ambiente é fácil e escribir é unha aprendizaxe na que é importante ter unha opinión allea que resulte sincera. Aínda que o fundamental é estar a gusto co que se escribe.

Ten autores de referencia?
Fernando Pessoa, Lupe Gómez ou Arancha Nogueira, unha poeta ourensá. Hai pouco participei como alumna nun obradoiro dirixido por ela e guiounos por un camiño moi bonito.

Para cando un segundo libro?
Recoñezo que teño gañas, pero non podo afirmalo neste momento. Para que te fagas unha idea, o primeiro poema que escribín de Meteoro imantado é de 2012 e o libro publicouse en 2019.

Comentarios