O público premiará as mellores tapas eróticas de oito locais de Monforte

A asociación de hostaleiros de Lugo quere facer unha chiscadela á diversidade con este concurso gastronómico
Presentación del concurso. EP
photo_camera Presentación del concurso. EP

O concurso de tapas de Monforte deu un xiro radical na presente edición, pois centrarase en propostas gastronómicas cun compoñente erótico. Á convocatoria, que se abre este sábado e prolongarase ata o día 5 de xuño, apuntáronse oito establecementos.

Estarán Adega do Carlos, con Ofigochorréame; Cardenal, coa Saia da Carolina; Casa Carballo, coa súa tapa Sensual Carballo; Confeitería Moure, que presenta a proposta Volován ardente: a cafetería O Hórreo, con TQMF; o establecemento MC, situado na Rúa San Pedro, coa súa tapa Goza do rabo; Xardín 34, con As vergonzas da galega, e O Rabeno, no barrio dos Chaos, con Paixón.

No acto de presentación do Cumetapas, que tivo lugar no Centro do Viño da Ribeira Sacra, exerceron de madriñas do evento tres drag queen chegadas de Vigo. Foron Lola Menta, Ketty Pinn e Manola Pirola, que se mostraron encantadas de ser a imaxe e a voz dun evento que ten unha especial dedicatoria ao amor libre e a diversidade de xénero.

A delegada da asociación provincial de hostaleiros na Ribeira Sacra, Beatriz Vila, sinalou que quixeron "romper co tradicional. O Cumetapas, tal e como o coñeciamos, tivo a súa época, pero facía falta un cambio de dinámica. Non se se o ano que vén volverá ser un concurso erótico ou terá outra temática. O que si temos claro é que nunca máis faremos un Cumetapas tradicional. Fai falta desenvolver cousas novas", destacou Vila.

ACTIVIDADES. O certame completarase con, este día 28, unha quedada de motos da marca Vespa na chaira da Compañía ás seis da tarde. Todos os interesados poden chamar para inscribirse no teléfono 982.41.20.50.

Así mesmo, o 5 de xuño, ás sete da tarde e no Centro do Viño dá Ribeira Sacra, o cantautor Andrés Montes interpretará variadas cancións do seu amplo repertorio. A entrada será libre ata completar aforamento.

Falta por confirmar a data dunha charla sobre diversidade de xénero que se sabe terá lugar nos salóns do Ateneo Casino de Monforte.

As persoas que se acheguen ata Monforte doutros lugares terán prezos especiais en hoteis da cidade, pero tamén noutros situados nos municipios de Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, O Saviñao, Sober e Chantada.

Comentarios