Protección Civil acode a felicitar o aniversario a un neno de 3 anos de Sober

Segundo informou o goberno local, a visita produciuse a petición da propia familia
Felicitación a Kike en Sober. CONCELLO DE SOBER
photo_camera Felicitación a Kike en Sober. CONCELLO DE SOBER

Persoal da agrupación de Protección Civil desprazouse este xoves ao domicilio dun neno de tres anos, que leva case tres semanas confinado a causa do estado de alarma para frear a expansión do coronavirus, para fecilitarle o aniversario e levarlle un agasallo en nome do Concello de Sober.

Segundo informou o goberno local, a visita dos membros de Protección Civil produciuse a petición da propia familia.

No domicilio de Kike, que vive cos seus pais no lugar de Suaireixa de Neiras e que hoxe cumpre tres anos, o persoal de Protección Civil felicitoulle o aniversario e fíxolle entrega do agasallo do Concello de Sober.

"Ademais dos agasallos, tamén houbo música de aniversario, para que -Kike- pase o día do mellor xeito posible" a pesar do confinamento, engadía o goberno local nun comunicado.

Neste municipio da Ribeira Sacra lucense, o persoal de Protección Civil segue atendendo as necesidades das persoas maiores que viven soas, e achéganlles aos seus domicilios alimentos, medicamentos e outros produtos básicos, para que non se vexan obrigadas a romper o confinamento.

Ademais, desde esta semana, contan cun teléfono de atención ao cidadán operativo as 24 horas.

Comentarios