Propoñen abrir unha ruta de 200 quilómetros desde León ata a Ribeira Sacra

A idea é bautizala co nome da Gran Senda do Sil, implicando a 31 municipios, entre eles os de Quiroga, Sober e Ribas de Sil
Río Sil a su paso por Quiroga. XESÚS PONTE
photo_camera Río Sil a su paso por Quiroga. XESÚS PONTE

Unha iniciativa da asociación O Sil, Si pretende conectar a través dunha ruta os municipios polos que pasa o río Sil desde o seu nacemento na cordilleira cantábrica ata a súa desembocadura nos Peares. A idea é bautizala co nome de A Gran Senda do Sil, implicando a 31 municipios de León e de Galicia, entre eles os de Quiroga, Sober e Ribas de Sil.

A localidade de Toreno (León) acolleu a primeira reunión dos alcaldes implicados neste proxecto. Serían máis de 200 quilómetros de percorrido con moitos tramos con complicacións aos que haberá que dar unha solución para os camiñantes, pero, polo xeral, afirman os promotores, o traxecto pode realizarse polos antigos camiños e polas zonas de servidume que ten o río.

A parte galega do proxecto ten boa parte feita, posto que Galicia conta xa con 50 quilómetros desta ruta habilitados, xa que, aínda que non se fala dunha fórmula de xestión conxunta, si se pode definir como unha alternativa ao Camiño de Inverno, tal e como indicou o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luís Fernández Guitián.

Os alcaldes implicados nesta senda, que pretende optar aos fondos europeos e que podería estar dentro da rede de Camiños Naturais de España, reuniranse despois do verán nun concello galego para seguir dando pasos que materialicen esta proposta.

Comentarios