A promesa do xadrez galego xoga en Chantada

O xovén vigués Xulio del Prado, que adoita xogar ao xadrez co equipo chantadino do Dragan Paunovic, é o mestre máis novo de Galicia, título que conseguiu tras alcanzar, este mes de xullo, unha puntuación de 2.300 puntos de Elo no ranking da Federación Internacional. Todo un logro para un xadrecista precoz
undefined
photo_camera Xulio do Prado, durante un torneo. EP

Xulio del Prado Rodríguez, vigués de tan só 14 anos de idade e membro do club de xadrez Dragan Paunovic, de Chantada, xa é o mestre máis novo de Galicia pola Federación Internacional de Xadrez (Fide). Tal fito vén despois de que neste mes de xullo alcance a puntuación de 2.300 puntos de Elo, que lle dá acceso a este novo título.

O vigués comezou no xadrez con tan só seis anos de vida da man dos seus pais, máis en concreto da súa nai. Foi ela a que lle ensinou a mover as pezas cando el aínda era moi pequeno. Posteriormente ingresou a un club do seu Vigo natal, no que iniciou a súa andaina, antes de pasar por catro clubs distintos. Simplemente, o xadrez a Xulio "gustoulle", din os proxenitores.

Agora afirma sentirse "feliz" tras alcanzar a súa nova categoría como xogador. Pero, a pesar da súa curta idade, Xulio del Prado é xa un experimentado xogador cun gran palmarés: cinco campionatos galegos, un terceiro posto no absoluto de España e varios absolutos de rápidas en Galicia. Sumado a iso, o vigués tamén ten unha ampla bagaxe nos abertos absolutos dos que destaca que son a súa "preferencia" porque neles é "onde subo de verdade o meu Elo e a miña categoría", di.

Desde hai un ano é membro do club lucense Dragan Paunovic, que compite na liga de Honra

CLASIFICACIÓN ELO. O Elo é a "a puntuación que existe no xadrez". Outórgase desde a Fide a todos os xogadores segundo o seu cómputo de triunfos, derrotas e títulos. Xulio del Prado afirma que no seu caso particular empezou "con 1.100, cando tiña oito anos, e gañando torneos ou encontros vas subindo. Con 2.300 accedes a mestre, con 2.400 a mestre internacional, con 2.500 a gran mestre...", explica.

Durante estes anos, o xadrecista vigués tivo que levar certa disciplina e dedicación na súa preparación; reparte o seu tempo diario para deixar sempre algo de tempo ao xadrez. "En horario escolar adestro desde que chego a casa... tres horas diarias, agora no verán adestro todo o que podo, sobre seis horas diarias", explica. Aínda que poida parecer un importante sacrificio, del Prado progresa adecuadamente no instituto, onde cursa terceiro da Eso. "Compaxínoo ben, non teño problema, vaime moi ben", di.

"O gran mestre sueco sueco Ulf Andersson ten un xogo estratéxico que me gusta", afima del Prado

Logo de alcanzar o título de mestre que lle outorgan os seus 2.300 puntos de Elo, o mozo do club chantadino mostra ambición en alcanzar os seguintes banzos nos próximos anos: "Non me vou a quedar con este título, quero seguir progresando e ir a máis. O meu obxectivo recente, dentro dun ano ou dous, é intentar loitar pola seguinte categoría, mestre internacional, é moito máis complicado". Tampouco quere deixar pasar a oportunidade para seguir gañando torneos individuais que lle permitan seguir subindo a súa puntuación Elo. Por outra banda, tamén se pon miras a máis longo prazo: "Quero intentar (en dez anos) chegar a gran mestre, e á elite do xadrez".

A súa visión xeral sobre o xadrez, tanto en Galicia como en España, é boa; en particular en Galicia cre que hai moita xente que lle gusta, pero lamenta a pouca infraestrutura profesional que hai. "Tamén hai que dicir que en Vigo, onde resido eu, non hai case clubs, só un", sinala. á súa vez, a nivel nacional ve bo seguimento por este deporte, e unha gran cantidade de xogadores da súa categoría.

Xulio del Prado enfílase así como a gran promesa galega do xadrez do momento. A súa curta idade permite soñar con velo en pouco tempo pelexando a nivel internacional.

"Non é fácil vivir do xadrez, tes que ser moi bo"
Xulio do Prado cre que para poder vivir do xadrez has de ser moi bo, estar na elite de xogador ou exceder certa categoría. "A partir de gran mestre podes gañar diñeiro, podes ser de campión do mundo", di en alusión ao título co que compites en torneos de gran nivel.

Dependendo da categoría, os premios son máis importantes. "Pódese vivir da competición, sendo un xogador de torneos, pero corres o perigo de que algún che poida saír mal. Moitos grandes mestres que viven en Galicia téñeno difícil para vivir do xadrez", explica. Outra posibilidade é dedicarse á docencia do deporte como posible saída económica, "se o que pretendes é ligar a túa vida coa práctica do xadrez", sinala.

O xadrez na provincia
En Galicia a través da Federación Galega de Xadrez ( FEGAXA) os diferentes clubs da comunidade compiten en cinco categorías diferentes en orde descendente: División de Honra, Primeira División, Segunda División, Terceira División e Cuarta División. Entre todas elas suman un total de 22 grupos (un só en División de Honra, tres en Primeira, seis en Segunda , once en Terceira, e un único en Cuarta).

No caso de Xulio del Prado, el é membro do histórico Círculo Chantadino Dragan Paunovic, club o cal debe o seu nome ao gran mestre internacional de orixe serbia que impartía docencia no antes de falecer na cidade da Asma en 2016. O seu legado conmemórase cada ano cun torneo memorial.

O Círculo Chantadino é o único en representar á provincia na citada División de Honra da Fegaxa, máxima categoría do xadrez galego. En banzos inferiores como a Primeira División, tamén se poden atopar outros clubs lucenses con certa historia como o Recatelo Campus Terra ou o combinado do Círculo das Artes

Comentarios