Profundo pesar en Monforte polo falecemento en Xove de Jeong Han Yeong

Consternación é o sentimento que se vive en Monforte tras coñecerse que o home de orixe coreana que este domingo perdeu a vida no mar de Xove mentres pescaba é Jeong Han Yeong, de 52 anos

Jeong Han Yeong, fallecido en Xove. EP
photo_camera Jeong Han Yeong, falecido en Xove. EP

Decenas de monfortinos mostraron o seu pesar nas últimas horas ao transcender o falecemento de Jeong Han Yeong, de 52 anos de idade. O home, de orixe coreana e asentado na cidade do Cabe desde hai décadas, perdeu a vida este domingo nun accidente mentres pescaba no mar de Xove.

A pesca era a súa grande afección e o consolo que queda aos seus achegados é que Jeong Han Yeong morreu facendo o que máis lle gustaba. Jeong Han Yeong era un veciño máis da cidade.

Cando chegou montou un centro deportivo e despois unha consulta de acupuntura pola que pasaban centos de monfortinos todos os anos. Pero máis aló do seu bo facer como acupuntor, Jeong Han Yeong era moi querido pola súa capacidade para integrarse na veciñanza.

Non faltaba á súa cita para tomar un viño ou unha cana cos seus amigos e era habitual velo en calquera das festas da cidade. É máis, o sábado pola noite achegouse ás festas de San Xoán do barrio dos Chaos e retirouse cedo porque, segundo lles dixo aos seus amigos, ao día seguinte tiña previsto saír pescar.

A mala fortuna quixo que o mar lle quitase a vida. En 2014 sufriu un accidente grave no corredor Nadela-Monforte cando tamén se dirixía á Mariña para pescar. A recuperación fora dura pero non lle restou a Jeong Han Yeong nadiña de nada da súa paixón polo mar.

Comentarios