Os produtores de cereixa de Chantada miran ao ceo

A colleita ecolóxica deste ano mellorará por moito a do pasado a condición de que a choiva dea unha tregua as próximas semanas
undefined
photo_camera As primeiras cereixas, á vista. A.L.

Os produtores de cereixa ecolóxica de Chantada miran estes días o ceo, preocupados polas súas colleitas. Cren que o cultivo deste ano será mellor que o de 2020, pero todo depende das choivas. A auga, moi abundante os últimos días, debe dar pronto unha tregua para que a froita chegue en bo estado a mediados de maio.

A previsión, segundo as persoas cuestionadas por este diario, é que a variedade de cereixa coñecida como temperá estea lista para o día 10 do mes que vén, aproximadamente. "Polo momento a floración foi ben e a auga que veu pola borrasca Lola non lles fixo mal, pero se segue chovendo pode prexudicalas", di Alfonso Regal, responsable da marca Diego de Lemos, cuxa plantación se atopa en Pincelo.

Da mesma opinión é Manuel Lorenzo, quen ten as súas cerdeiras en Belesar. "Ten que deixar de chover, pero aparenta ben. Non será como ano pasado, que non houbo cereixas, nin viño nin absolutamente nada", explica.

A colleita de 2020 foi unha das peores que se recordan en Chantada. Nin a temperá nin as variedades máis tardías, como a media onza ou a portuguesa, salvaron un ano marcado polo frío e o mal tempo durante o período de floración. As poucas que sobreviviron atopáronse máis tarde con máis temperaturas baixas e auga, o que provocou a súa deterioración.

FEIRA. Se as condicións atmosféricas acompañan, as cereixas ecolóxicas de Chantada terán outra vez protagonismo nos postos de venda. Con elas regresará, a condición de que a pandemia o permita, a Feira do Viño e as Cereixas de Belesar.

Hai uns días anunciouse a celebración do evento, que alcanzará as 15 edicións. Desde a organización avanzaron un rigoroso protocolo de seguridade contra o covid-19 e sinalaron que só participarán dúas adegas e un total de seis colleiteiros de cereixa.

Haberá unha gran distancia entre todos os vendedores de produtos da feira e non se instalará carpa, polo que tampouco se organizará a tradicional verbena.

Comentarios