Na procura da identidade perdida

No ano 1996 nace de xeito oficial a denominación de orixe Ribeira Sacra despois de décadas nas que se puxeron en marcha, con maior ou menor fortuna, distintas iniciativas para visibilizar o traballo realizado polos viticultores da comarca ► En Chantada, o proceso tamén tivo os seus fitos importantes para acadar o obxectivo
Etiqueta de viño non comercializado da adega de Pepe Soto para familiares e amigos. ARQUIVO PARDO
photo_camera Etiqueta de viño non comercializado da adega de Pepe Soto para familiares e amigos. ARQUIVO PARDO

Entre 1853 e 1897 a sombra da desgraza expandiuse por Monforte, Quiroga, Ribas de Sil, A Pobra do Brollón, Carballedo e Chantada ante a escasa colleita de cereais e viño. Factores como a climatoloxía adversa en forma de temporais e enfermidades fúnxicas como o mildiu ou o black rot provocaron que ante a falta do prezado líquido tivésese que comprar viño a Castela en 1857.

Tras sete anos sen unha soa colleita, o Concello de Chantada escribe ao gobernador civil o 27 de setembro de 1860 solicitando unha rebaixa da contribución, que deixen de cobrarse as rendas e que "se proporcione traballo en obras públicas aos infelices cultivadores vinícolas que ximen angustiados baixo o peso da máis apremiante miseria". De todo isto faise eco o mesmo Conde de Pallares, que reclama ao Estado e á raíña Isabel II que sexa condescendente cos desembolsos que o cultivador non pode facer ante a falta de colleitas e acabar coa especulación dos arrendatarios.

A finais do século XIX as cousas van cambiando. En 1898, a pesar dunha forte seca en fontes e ríos, onde "a duras penas teñen os veciños para as súas necesidades domésticas e os muíños funcionan moi irregularmente sen poder atender ás demandas de moltura", a colleita de viño superou á de hai 20 anos. En 1899 iníciase unha forte demanda de "cepas americanas con destino á plantación de viñedos, que tiveron unha boa produción nas modernas plantacións nas comarcas de Quiroga, Monforte e Chantada". Aínda que pronto viría outro inimigo: a filoxera.

1983: Javier Méndez Otero solicita unha subvención para organizar a primeira Feira Exposición de Viños de Chantada

SEN DENOMINACIÓN. Desde 1967 ata 1990 era moi común utilizar a expresión tomar un viño español ou do país. O compás vitivinícola estaba algo desnortado sen atopar a súa propia identidade xeográfica, adecuada profesionalización do sector nin órgano algún oficial que o amparase nin protexese.

Todo iría cambiando a partir de xaneiro de 1983, cando Javier Méndez Otero solicita unha subvención ao Concello "para a celebración da I Feira de Exposición de Viños de Chantada", obtendo 300.000 pesetas, e na cal se deu un trofeo comprado a Anxo Albilares por 12.875 pesetas.

Coa primeira Feira do Viño chegaron días duros e de desconcerto, onde moitos veciños participaron para que se fixese realidade. Foi o primeiro paso para exaltar o sacrificado traballo do sector vitivinícola da zona de Chantada. En canto a definir o seu propio nome sería Juan M. Méndez Otero -que xunto ao seu irmán Javier obterían a licenza para crear a Vinícola en 1975- que, sendo concelleiro, solicita ao alcalde Sergio Vázquez Yebra o 7 de setembro de 1987 que os viños desta comarca teñan a denominación Viño da Terra. Acepta a proposta a corporación acordando "citar aos viticultores de Chantada para que o señor Méndez explique a moción e que se convide a outros técnicos para explicar as vantaxes que se obterían da devandita denominación": 

O 2 de novembro de 1987 o Concello sinala que "é o Regulamento da CEE 355/79 o que establece a mención Viño da Terra, para os viños de mesa orixinarios de España e que a Orde do 11 de decembro de 1986 (Boe nº. 306, do 23 de decembro) establecen as regras de utilización de nomes xeográficos": 

No seu artigo terceiro determina que "a mención de Viños da Terra poderá ser utilizada por aqueles viños de mesa orixinarios das comarcas vitícolas no anexo 1º, que cumprindo as condicións establecidas nos apartados 2 e 3 do artigo 54 do Regulamento da CEE nº. 337/79, que estean elaborados con uvas das respectivas variedades de vide clasificadas no anexo II desta distinción e cumpran as normas que se especifican"; citándose en devandito anexo II Chantada como comarca vitícola.

1987: A corporación chantadesa acorda solicitar á Xunta a denominación Viño da Terra para Chantada, Taboada e Carballedo

ADEGA PIONEIRA. En vista das disposicións e do artigo 30 do Estatuto de Autonomía para Galicia, a corporación acorda solicitar á Xunta de Galicia a denominación Viño da Terra para os viños producidos en Chantada, Taboada e Carballedo e convidar ao municipio de Saviñao para que se adhira á devandita denominación. Mentres se empezan a mover expedientes, o 30 de xaneiro de 1988 Esther Teijeiro Lemos solicita "licenza municipal para a instalación, apertura e funcionamento dunha adega destiladora de bagazos e planta embotelladora de viños e augardentes no lugar de Pincelo, parroquia da Sariña", obtendo a concesión o 29 de febreiro de 1988.

En marzo de 1992 o grupo ecopacifista Xevale, capitaneado por Anxo Moure, solicita "que na Feira do Viño exista un apartado especial adicado ó viño biolóxico elaborado sen fertilizantes, medicinas, sulfatos, herbicidas" e aparece en palestra o consello regulador da denominación Viños da Terra Ribeira Sacra pedindo unha subvención de 300.000 pesetas "para actividades, organización e desenvolvemento de devandito Concello", acordando por unanimidade a comisión de goberno conceder dita axuda. O 19 de novembro noméase como responsable de comunicación co devandito órgano ao concelleiro Segundo Antonio Figueiras Rodríguez.

1988: Esther Teijeiro solicita licencia para a creación dunha adega no lugar de Pincelo, na chantadesa parroquia da Sariña

CAPITALIDADE E MUSEO. En 1996 créase definitivamente a denominación de orixe e o 5 de xaneiro de 1998 o Concello, ante a inminente celebración da Feira do Viño, quere participar nesta transición vitivinícola para "revitalizar a zona de Chantada fronte a outras subzonas que están a demostrar un maior desenvolvemento debido a unha maior implicación das súas autoridades locais", polo que expón unha reunión do pleno e viticultores coa presidencia do consello regulador para expoñer os problemas e que "coñezan as vantaxes de estar nunha denominación de orixe". 

Destacan a vital importancia desta reunión "dado que pasariamos a ser o primeiro concello que recoñece dun xeito oficial o interese da existencia dunha D.O. a pesar de que non será posible que Chantada sexa capital da Ribeira Sacra debido a motivos xeográficos, pero aínda podemos pasar a ser referente para moitos actos, como a próxima edición da Feira do Viño, que pensamos debe contar na súa organización con opinión experta do consello regulador da D.O. Ribeira Sacra". 

En febreiro de 1999 o Concello ofrécese "para prestar os seus servizos para a creación dun Museo Enolóxico, informando o consello regulador que non ten entidade lucrativa para poder afrontar a creación dun proxecto tan importante". Nesta dispersa sinfonía entre viñedos José Mouriño levará a batuta con decisión.

Comentarios