O primeiro bus urbano gratuíto de Galicia estréase en Monforte

O servizo, desde Ribasaltas a Piñeira, comeza a funcionar este luns e percorrerá toda a cidade de 8.05 horas a 20.15
2020020211551072815
photo_camera Membros do equipo de goberno e da concesionaria na presentación do servizo. L. A. R.

Pola cidade do Cabe circulará a partir deste luns o primeiro autobús urbano de Galicia totalmente gratuíto para todos aqueles que queiran facer uso del. Trátase dun vehículo con 36 prazas (21 sentadas e 15 de pé) que fará un percorrido circular entre as parroquias de Piñeira e Ribasaltas pasando por diferentes rúas do centro urbano e con paradas en lugares de interese para os veciños como o ambulatorio, o hospital comarcal, a estación do ferrocarril ou o cemiterio.

Os horarios do servizo que se vai a prestar serán, de luns a venres laborables, desde as 8.05 horas ata as 20.15 de forma ininterrompida, Os sábados só funcionará entre as oito da mañá e as dúas da tarde.

O bus conta con dúas prazas para persoas con mobilidade reducida e ten unha plataforma de acceso para persoas con diversidade funcional.

Posúe conexión wifi con acceso gratuíto a internet e puntos de recarga USB para dispositivos móbiles. O nome da rede e a clave de acceso están visibles na parte dianteira do autobús.

Aínda por riba, dispón dun geolocalizador GPS que permite o seguimento da posición do vehículo en tempo real. Isto posibilita que os usuarios, descargándose unha aplicación no seu teléfono móbil, poidan saber en tempo real onde está o autobús para collelo nunha determinada parada.

O vehículo ten as prestacións máis innovadoras do mercado, como o sistema Alcolock, que impide que un condutor baixo a influencia do alcol poida conducir; detector de fatiga do chofer e un desfibrilador externo semiautomático.

SERVIZO SOCIAL. O alcalde monfortino, José Tome, e os seus compañeiros de equipo de goberno presentaron na mañá do sábado o novo servizo.

O rexedor local indicou que é moderno e adaptado para, sobre todo, atender a alta demanda dos veciños de maior idade, os seus principais usuarios.

Engadiu que coa súa posta en funcionamento cúmprese "co compromiso que ou noso grupo se marcou cando chegamos ao goberno, que non era outro máis que traballar non eido xocial para que vos monfortinos tivesen unha mellor calidade de vida co menor custo posible", subliñou.

Un contrato de 76.900 euros ao ano durante dez 
O novo contrato do servizo de xestión integral do bus urbano de Monforte foi adxudicado á empresa Palacios Bus S.L. Neste sentido, formalizouse un contrato por dez anualidades por un prezo total de 76.972,50 euros por ano, Iva incluído. Ao final da concesión o bus pasará a ser propiedade do Concello.

Desde fai 57 anos. O servizo de transporte urbano funciona na cidade do Cabe desde o ano 1963.

Comentarios