A Policía Nacional advirte de que as pelexas nocturnas crecen en Monforte

Nos últimos tres fins de semana foron detidas tres persoas e identificouse a unha cuarta pola súa participación en varios altercados, todos eles ocorridos en Duquesa de Alba
Un coche de la Policía Nacional en Duquesa de Alba, la calle que acapara la mayoría de peleas nocturnas en Monforte. AEP
photo_camera Un coche de la Policía Nacional en Duquesa de Alba, la calle que acapara la mayoría de peleas nocturnas en Monforte. AEP

A Policía Nacional detectou un importante aumento das pelexas de madrugada nos tres últimos fins de semana en Monforte, coincidindo coa relaxación das restricións e a flexibilización dos horarios no lecer nocturno.

Segundo comunicaron mandos da comisaría monfortina, entre o pasado 26 de setembro e o día 9 deste mes rexistráronse diversos altercados que supuxeron a detención de tres persoas. Ademais, unha cuarta foi identificada como presunta autora dunha agresión.

Todos estes episodios violentos tiveron como escenario a Rúa Duquesa de Alba, onde se concentran a maior parte dos establecementos de lecer nocturno de Monforte.

EN DETALLE. Unha das pelexas tivo transcendencia e foi moi comentada na cidade do río Cabe. Ocorreu a madrugada do 26 de setembro e nela víronse involucrados dous grupos.

Empezou no interior dun dos locais e continuou na rúa. Durante a liorta, unha parella causou a unhas nova lesións graves no ollo dereito polas que necesitou intervención cirúrxica no hospital Teresa Herrera da Coruña, onde permaneceu ingresada tres días. Ademais, outra moza resultou ferida leve.

Os dous presuntos agresores foron detidos o día 6 deste mes e hai oito persoas identificadas. Tres delas pertencen ao grupo de supostas vítimas e cinco (entre os que se achan ambos os detidos) estarían no de agresores.

O segundo episodio relatado pola Policía Nacional tivo lugar a madrugada do pasado 3 de outubro. Entón, un novo foi agredido por outro home, detido ao longo dese mesmo día, cun vaso de cristal. A vítima, atendida no hospital comarcal de Monforte, necesitou puntos de sutura na cara.

O último dos incidentes foi o pasado fin de semana, durante a madrugada do 9 de outubro. Cara ás 3.00 horas, un mozo resultou ferido a labazadas e patadas por outro ao que o corpo nacional de policía ten identificado.