Plantas acuáticas empezan a alagar o río Cabe por quinto ano consecutivo

El Ayuntamiento propuso hace dos años realizar una limpieza de estas plantas
2020062211451553557
photo_camera As plantas acuáticas na canle. L.A.R.

O tramo máis urbano do río Cabe, o situado entre a ponte medieval e o parque dos Condes de Monforte, comeza a encherse de plantas acuáticas por quinto ano consecutivo. Trátase dun proceso coñecido como eutrofización que se orixina debido á presenza anormal de nutrientes na auga, principalmente procedentes de verteduras residuais; ao embalsamiento da canle e ás elevadas temperaturas propias desta época do ano.

Ademais de causar un efecto negativo sobre a imaxe do río, a eutrofización ten unha consecuencia negativa sobre a fauna fluvial, xa que as plantas consomen osíxeno, podéndose dar un déficit que chegase a afectar aos peixes.

Hai dous anos, o Concello monfortino propuxo levar a cabo unha limpeza destas plantas de tal forma que non se alterase o ecosistema. Solicitou permiso á Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), que consultou coa Consellería de Medio Ambiente, organismo que finalmente negou o permiso para arrincar ou podar as plantas acuáticas enraizadas no leito da canle.

O Concello volverá dirixirse á Xunta e á CHMS para defender que se actúe na canle

E é que a administración monfortina non foi capaz de demostrar que se tratasen de plantas invasoras, de aí o rexeitamento de Medio Ambiente a levar a cabo unha actuación de limpeza. Entendeu que se trataban de plantas propias de calquera canle, pero o caso é que hai cinco anos non existían e que soamente crecen no espazo máis urbano do río.

Desde o Concello sinalaron que volverán dirixirse tanto á Consellería de Medio Ambiente como á CHMS para facerlles ver a necesidade de actuar nesta parte do Cabe .

Inténtanse buscar fórmulas para que o río teña o mellor aspecto posible, que non cause alarma veciñal, como a sucedida o pasado ano, cando foron centos os veciños que deron a voz de alarma polo estado no que se atopaba, criticando que ninguén puxese os medios necesarios para solucionar tal problema.

As maiores queixas veciñais rexistradas hai un ano déronse durante o mes de agosto, sobre todo durante as festas patronais, pola imaxe de abandono dun dos referentes da cidade, algo que foi compartido polos numerosos visitantes que chegaron á cidade.

Comentarios