A Pinguela deseña un sistema solar para cargar dispositivos eléctricos

A iniciativa forma parte do programa de microempresas Lanzadeiras do plan Eduemprende
Tres alumnos de A Pinguela ajustando los parámetros del sistema. EP
photo_camera Tres alumnos da Pinguela axustando os parámetros do sistema. EP

O instituto de ensino secundario A Pinguela de Monforte participa un ano máis no proxecto Lanzadeiras, que nesta edición céntrase en xerar a miniempresa Rec@arga. Con este nome, explicaron no centro, intentan definir os obxectivos dunha iniciativa nacida no departamento de Informática e que está coordinado polo profesor Adrián Blanco e no que colaboran María Gamallo e José Piñeiro. Desde o principio participou tamén José Alberto García, falecido hai pouco máis dun mes.

No proxecto traballa alumnado de primeiro e segundo do ciclo medio Sistemas Microinformáticos e Redes, sendo eles os que deseñaron a idea da empresa e os que están a efectuar a montaxe da mesma.

A iniciativa consiste en crear puntos de recarga para as baterías de teléfonos móbiles, bicicletas, patinetes e moitos máis dispositivos en centros comerciais como primeira opción. A iniciativa complétase coa configuración dun punto ecolóxico de recarga que sexa atendido ao 100% con enerxía solar.

Estes puntos de recarga poderanse instalar en calquera outro tipo de empresa que queira ofertar este servizo aos seus clientes, á vez que ofrecen de face ao exterior unha imaxe de compromiso co medio ambiente.

Institutos, museos, bibliotecas ou concellos, sinalan os promotores da microempresa da Pinguela, poderían sumarse á iniciativa. "Todos eles son candidatos e clientes potenciais para esta idea de empresa. Rec@arga encargaríase do deseño, instalación e mantemento dos diferentes puntos de conexión, configurando un sistema de seguimento e control remoto para xestionar avarías ou actualizacións do sistema", destacaron os profesores que tutelan o proxecto.

Ao mesmo tempo na sección web de Rec@arga mostraranse os distintos produtos, intentando tanto atraer clientes como realizar calquera tipo de soporte.

Neste momento, explicaron os profesores, "estamos a esperar polas pezas da instalación fotovoltaica", agradecendo a implicación dunha empresa fincada en O Saviñao, Ecogal, que lles ofreceu todo o seu coñecemento para implantar correctamente as placas e sacarlle o máximo partido.

"Esperamos que en breve o noso sistema quede implantado definitivamente no noso centro, permitindo que toda a comunidade educativa poida cargar os seus móbiles, bicicletas ou patíns eléctricos", dixeron.

O fin é fomentar a chamada cultura emprendedora
O programa Lanzadeiras Lugo desenvólvese dentro do plan de emprendemento do sistema educativo de Galicia, Eduemprende, no que colaboran a fundación Alcoa e O Progreso. Supón unha aposta clara pola implantación na comunidade educativa dos niveis non universitarios da cultura emprendedora. O plan Eduemprende constitúese como o marco onde coordinar as sinerxías en materia emprendedora que actúen sobre o sistema educativo, ordenando e planificando a súa aplicación.

O obxectivo global deste plan é lograr un avance sensible na cultura do emprendemento entre os mozos.

Comentarios