Pilar López: "Xa traballamos na vindeira edición dos premios Semente"

É a presidenta de Semente Ribeira Sacra, pero insiste en que o colectivo é froito do traballo conxunto de todos, sen cargos nin personalismos. Tamén son vitais as empresas e entidades que lles prestan o seu apoio económico e colaboran con ideas e bos consellos
Pilar López, presidenta de Semente de Monforte. MIGUEL PIÑEIRO
photo_camera Pilar López, presidenta de Semente de Monforte. MIGUEL PIÑEIRO

O pasado sábado Semente Ribeira Sacra resolveu e entregou os premios do seu concurso anual de proxectos empresariais.

Contentos co resultado?
Moi contentos. Tivemos 74 candidatos, na media dos últimos anos, nove deles pasaron á final e repartimos 18.000 euros entre os tres gañadores. O primeiro e o segundo premio quedaron en proxectos da Ribeira Sacra.

Que farán os afortunados cos cartos?
Lácteos Ribeira Sacra é unha empresa xa en funcionamento que quere dar un paso máis e elaborar un queixo ao viño mencía. As probas están moi avanzadas e o premio axudará na saída ao mercado. O segundo premio foi para A Maruxiña, o proxecto dun rapaz do Saviñao que quere abrir unha explotación de pita de Mos e facer un centro de interpretación. O terceiro premio recaeu en Beniu Soluciones, una firma de Pontevedra que traballa con drons no ámbito agrícola.

Hai un seguimento dos gañadores das anteriores edicións?
Temos contacto con todos eles e varios deses gañadores estiveron o sábado como invitados na cea de entrega de premios. Podemos dicir que en case todos os casos as empresas continúan e os premios permitíronlles avanzar na súa traxectoria.

Semente xurdiu o ano que caeu o premio gordo da Lotaría do Neno en Monforte.
Efectivamente. O primeiro ano recaudamos fondos entre os agraciados e outra xente. Xuntamos 6.400 euros. Desa cifra 2.000 euros repartíronse entre dúas familias con fillos con necesidades médicas importantes o resto destinouse a comprar alimentos que a través de Cáritas se entregaron a familias que os precisaban.

O modelo de financiamento cambiou.
Efectivamente. Ao ano seguinte, Severino Rodríguez comezou a falar con xente das universidades para ver o xeito de darlle continuidade ao colectivo e entendemos que crear un premio destas características era a mellor maneira. A partir diso comezaron as conversas para conseguir fondos de empresas e doutras administracións e entidades. A lista de colaboradores medra cada ano e dese diñeiro sae todo o traballo de Semente.

Ademais ampliaron fronteiras.
No ano 2019 entraron a formar parte os concellos de toda a comarca de Lemos. Entrou Chantada e tamén a Deputación de Ourense. Aí incluímos o apelido Ribeira Sacra.

Haberá unha novena edición?
Si. Xa estamos a traballar nela e xa comezamos os contactos para implicar a máis empresas e tamén a máis institucións.

Como é o nivel dos proxectos presentados?
Moi bo e tamén notamos o traballo que se está a facer dende o Coworking. Se cadra, na pandemia percibimos algún cambio, pero creo que foi máis porque as exposicións non se puideron facer presenciais e se perdeu proximidade aos proxectos ca porque tiveran menos nivel. Esas edicións resentíronse tamén a nivel participación.

Comentarios