Piden outra réplica de Elba para que estea no Courel

O obxectivo é que haxa unha segunda peza do rostro da muller mesolítica achada nunha cova para expor na Estación Científica de Seoane

Elba
photo_camera O rostro do Elba, durante a súa presentación na Estación Científica de Seoane. TOÑO PARGA

O director da Estación Científica de Seoane do Courel, Antonio Rigueiro, anunciou durante a presentación en sociedade da réplica do rostro de Elba -a muller do Mesolítico cuxos restos se acharon nunha cova- que pedirán a elaboración dunha segunda peza para expor no centro. Fíxoo durante unha sesión na que se relatou o último día de vida desta pastora, que habitou na comarca fai uns 9.300 anos.

Tras un proceso moi lento e complexo, un amplo equipo de científicos logrou reconstruír a cara de Elba a partir dos ósos atopados en O Courel. A investigación finalizou hai dous anos, pero non foi ata este sábado cando se exhibiu por primeira vez a réplica do rostro ante o público, así como os restos dos tres uros (un antigo touro salvaxe europeo) que a acompañaban o día da súa morte.

Estas primeiras pezas descansarán a partir de agora nunha sala do museo xeolóxico de Quiroga dedicada expresamente á figura de Elba, bautizada desta forma polo significado do nome en celta: 'a que vén da alta montaña'. Trátase da primeira muller mesolítica estudada na península Ibérica.

Os traballos realizados desde o seu descubrimento implicaron a sete especialistas

DATOS. Durante a sesión na Estación Científica de Seoane relatouse aos asistentes como foi a xornada na que Elba perdeu a vida. Segundo a investigación, aquel día nevou, pero non de forma suficiente como para impedir que a pastora saíse do seu refuxio.

Tras percorrer varios quilómetros acompañada polos tres uros, a muller tomou un camiño por Chao do Lindeiro (entre O Courel e Os Ancares) e pisou o teito dunha dolina cuberta de neve caendo ao seu interior, a uns 15 metros de profundidade. Non foi capaz de saír. Crese que buscaba comida para ela e os animais, pois se dirixía a unha zona baixa con máis pasto.

O estudo dos restos de Elba permitiu aos investigadores sacar varias conclusións sobre cal era o seu estado físico o día que faleceu. A pastora mesolítica tiña o cabelo escuro e os ollos castaños, medía 1,60 metros e a súa idade oscilaba entre os 20 e os 40 anos.

Ao parecer, Elba non presumía de boa saúde. Segundo as investigacións padecía artroses, sufría unha tensión alimentaria, era intolerante á lactosa e presentaba importantes deficiencias dentais que lle causarían agudas dores na boca.

Os traballos realizados desde o seu descubrimento implicaron a sete especialistas en ciencias forenses, arte forense, bioloxía molecular, ADN fósil, paleontología do Cuaternario, espeleología e xeoloxía do Cuaternario. A de Elba está considerada a mellor reconstrución paleoambiental con restos humanos realizada en Galicia.

Comentarios