Pídenlle catro anos de cárcere por abrir o gas para matar aos seus dous fillos en Monforte

A Policía Nacional chegou á vivenda a tempo e evitou que os menores se asfixiasen

Agentes de la Policía Nacional durante un operativo. EP
photo_camera Axentes da Policía Nacional. EP

O fiscal solicita para unha veciña de Monforte catro anos e medio de prisión e un ingreso previo de doce meses nun centro adecuado ao tipo de anomalía ou alteración psíquica que padece por senllos delitos de homicidio en grao de tentativa contra os seus dous fillos, aos que intentou matar deixando o gas aberto.

Segundo o escrito de acusación, os feitos ocorreron na cidade do Cabe o 23 de setembro de 2009 no domicilio no que vivía a muller cos seus dous fillos menores, un de seis anos (dunha relación anterior) e outra de 15 meses froito do matrimonio que tiña naquel momento.

O fiscal describe que «ás 23.25 horas, guiada polo ánimo de pór fin á súa vida e á vida dos seus dous fillos menores», a muller abriu os mandos da cociña de butano e a bombona de gas antes de deitarse os tres na cama coa finalidade de provocar a morte de todos eles ben por asfixia debido á inhalación de gas ou ben como consecuencia dunha deflagración. Con todo, non chegou a conseguilo porque previamente enviou unha mensaxe de texto ao seu marido no que lle alertaba do que se dispuña a facer.

No momento dos feitos a muller sufría un trastorno da personalidade e inxerira drogas

O home chamou ao 112, que mobilizou á Policía Nacional. Os axentes achegáronse á vivenda, derrubaron a porta e, ante o forte cheiro a gas, pecharon os mandos da cociña e ventilaron a vivenda antes de que ninguén sufrise danos.

A procesada estaba diagnosticada dun trastorno depresivo crónico de tipo neurótico e un trastorno límite da personalidade. No momento dos feitos atopábase ademais, segundo o escrito, "emocionalmente inestable debido a dificultades na relación de parella, conflitividade familiar e consumo de drogas (cocaína e haxix), polo que tiña as súas facultades afectivas, cognitivas e volitivas alteradas, sendo parcialmente imputable".

Tras os acontecementos, o xulgado prohibiu á muller achegarse aos seus fillos a menos de 200 metros así como comunicarse con eles. Agora a muller terá que enfrontarse a un xuízo por dous delitos de homicidio en grao de tentativa no que o fiscal pedirá o ingreso nun centro para tratarse, a pena de prisión de 4 anos e medio, así como a privación da patria potestade dos menores.

Comentarios