Pídenlle cinco anos por roubar nunha casa e intentar acceder a outra en Carballedo

Levouse unha carteira con oito euros da vivenda na que conseguiu entrar 

A Fiscalía solicita unha pena de cinco anos e nove meses para un home por entrar a roubar nunha casa de Carballedo e intentar acceder posteriormente a outra. O autor dos feitos, J.L.R.R., ten antecedentes penais por outros delitos similares. 

O home é acusado de entrar o 24 de setembro de 2017 nun domicilio situado en San Salvador de Carballedo. Para iso lanzou unha pedra coa que rompeu o cristal dunha fiestra. A través dela e facéndose valer dunha cadeira de plástico accedeu ao interior, de onde subtraeu unha carteira con oito euros. Seguidamente abandonou a casa. Os danos materiais descoñécense, pois os prexudicados non fixeron ningunha reclamación. 

O mesmo día, sobre as 23.00 horas, o acusado dirixiuse a outra vivenda, esta situada no lugar de Marzás, tamén en Carballedo. Neste caso, o propietario sorprendeu o presunto ladrón no momento en que intentaba entrar no seu domicilio. 

Coa axuda doutros veciños, o dono da casa logrou reter o acusado ata a chegada dos axentes de autoridade ao lugar dos feitos. 

DOUS DELITOS. Ao acusado impútanselle dous delitos. Un é de roubo con forza en casa habitada e outro, en grao de tentativa. Polo primeiro pídeselle unha condena de catro anos de prisión e polo segundo, dun ano e nove meses, en ambos con inhabilitación especial para o dereito de sufraxio.