Piden 5 anos de cárcere para o soberés que feriu á súa parella cunha escopeta

Os feitos ocorreron en 2013 no domicilio familiar da Carqueixa â?? Pegoulle un tiro no abdome diante da súa filla de 15 anos

El vecino de A Carqueixa, al salir de los juzgados en 2013. TOÑO PARGA
photo_camera O veciño da Carqueixa, ao saír dos xulgados en 2013. TOÑO PARGA

O ministerio fiscal pide cinco anos de prisión para un veciño de Sober acusado dun delito de tentativa de homicidio. O home usou unha escopeta de caza para dispararlle á súa parella no abdome causándolle feridas moi graves. Os feitos tiveron lugar en 2013 no domicilio familiar da Carqueixa e o xuízo celebrarase o martes en Lugo.

Segundo reza o escrito da fiscalía, o 14 de febreiro de 2013, día de San Valentín, ás cinco da tarde estaban na vivenda o acusado, a súa parella (de 42 anos de idade) e a filla de 15 anos dela. No marco dunha discusión familiar R.R.D.R sacou unha escopeta de dous canóns superpostos da marca Lanber e do disparo efectuado feriu á muller e matou a un can de raza pequena que se interpuxo na traxectoria do proxectil. Todo ocorreu diante da moza menor de idade. Despois do disparo o home reaccionou e tapoulle a ferida á muller ata que chegou a ambulancia.

A pesar de todo, as lesións da muller afectáronlle ao tórax e o abdome. Tivo rotura da parede torácica con neumotórax, fracturas costais, racho diafragmático, perforación de colón e outras lesións. Para a súa curación tivo que someterse a varias intervencións cirúrxicas, rehabilitación e tratamento psicolóxico. Na súa recuperación precisou 685 días impeditivos dos que 120 estivo hospitalizada. Derivado do proceso quedaron varias secuelas. Os custos da súa asistencia sanitaria ascenden a 90.718 euros, que tamén reclama o ministerio fiscal ao acusado.

Logo dos feitos ocorridos, o autor dos mesmos foi detido e o xulgado monfortino decretou para o home prisión provisional comunicada sen fianza, ademais dunha orde que lle impedía achegarse a menos de 200 metros da ferida, da súa filla, do domicilio familiar ou de calquera lugar no que puidesen atoparse elas. Ano e medio despois, o 24 de setembro de 2014, o mesmo xulgado decretou para R.R.D.R liberdade provisional sen fianza e unha orde de afastamento de 300 metros.

O acusado cedeu ademais a propiedade da vivenda da Carqueixa á vítima e ofreceulle unha retención da súa pensión do 40% cuxa contía ascende a 820 euros.O fiscal recoñece a atenuante de reparación de danos ao atender á vítima e intentar taponar as súas lesións pero lle aplica os agravantes de aleivosía e parentesco. En consecuencia, solicita a pena de prisión de cinco anos e a prohibición de achegarse á muller ou comunicarse con ela durante oito anos, ademais da privación do dereito de tenencia de armas.

No apartado económico pídese unha indemnización de 45.900 euros para a vítima polas lesións e de 92.800 euros polas secuelas. Solicita outros 3.000 por danos morais pola morte da cadela e 90.7000 para pagar a débeda co Sergas.