Pequenos concertos substitúen ás grandes actuacións nas festas de Chantada

Celebraranse ao aire libre en catro ou cinco localizacións da vila
TEAP6417
photo_camera Un concerto ao aire libre en Chantada. ARQUIVO

O concelleiro de cultura do Concello de Chantada, Manuel Diéguez, sinalou que as festas patronais da vila, as que teñen lugar a finais de agosto, non poderán este ano ter o mesmo formato que en edicións anteriores polo Covid-19. "Non temos previsto facer actividades nas que se concentre moita xente, nas que non pódase garantir as medidas de seguridade e hixiene".

Por iso, explicou, trabállase na organización dun ciclo de concertos ao aire libre, en catro ou cinco localizacións da vila do Asma, onde se poidan reunir pequenos grupos de persoas sen chegar a converterse nunha aglomeración.

Diéguez indicou que se mantén a mostra de cine, que será entre o 11 e o 14 de agosto. Terá lugar na Praza do Cantón, onde o espazo existente permite a colocación de entre 200 e 300 cadeiras coa pertinente separación de seguridade.

Desde a Asociación Amigos do Folión de Chatada mandaron unha mensaxe similar. O seu presidente, Manuel Vázquez, manifestou que o desfile de carros tradicionais non ten cabida debido á urxencia sanitaria. Destacou que o Folión é bulicio, e que iso non é unha opción na actualidade.

Con todo, manifestou Manuel Vázquez, estase en contacto co Concello co fin de deseñar unha serie de pequenas actividades que manteñan viva a esencia do Folión, como exposicións ou talleres dirixidos aos máis pequenos.

Comentarios