'Pelo de nube', o novo traballo para nenos da firma pantonesa Gnomo

Os autores da saga 'O raposo Rufo' sacan ao mercado un novo libro con fondo educativo

TEAU1678
photo_camera Dani Viéitez e Iria Igrexas. TOÑO PARGA

"A historia de Pelo de nube é a dun neno que no canto de ter pelo ten unha nube na cabeza e que nun momento dado se decata de que é diferente. O reto é celebrar esa diferenza, que os nenos saiban que as diferenzas son especiais e positivas". Son as palabras de Dani Viéitez, o autor dos textos de Pelo de nube, o novo conto infantil, que xa se atopa no mercado, da firma Gnomo, un estudo asentado en Pantón.

Dani Viéitez é o autor dos textos do conto, pero a idea e as ilustracións son obra de Iria Iglesias, o outro 50 por cento da firma Gnomo. ela levaba tempo dándolle voltas a unha historia a través da que os máis pequenos se familiarizaran coas diferenzas e as apreciaran en lugar de rexeitalas. O resultado é a historia de Nuno, que fai as delicias dos nenos que xa saben ler ou están a aprender, pero tamén dos máis pequenos. "Iria é unha grande ilustradora e este tamén é un conto para que os pais lles lean aos cativos e gocen todos", explica Dani Viéitez.

Os impulsores de Gnomo traballan desde o medio rural, desde a parroquia de Galegos, pero en realidade os seus libros, escritos en galego, son moi coñecidos. Son os autores das aventuras do Raposo Rufo, que xa suma media ducia de volumes, e do conto Pilonga e Amanito. Ademais, son súas as ilustracións de Galicia, nosa ledicia, de Xosé Neira Vilas.

No caso das aventuras de Rufo traballaron coa Editorial Embora, igual que en Pelo de nube. Pero para Pilonga e Amanito eles mesmos asumiron a edición. "Os nosos traballos xa van moi rematados para a imprenta, non se trata dunha edición ao uso, así que en Pilonga e Amanito decidimos facer o proceso completo e a verdade é que foi un éxito", explica Dani Viéitez. Por iso nalgúns dos tres ou catro proxectos que ten no forno volverán apostar pola edición propia e por manexar o percorrido do libro.

Neses proxectos segue ocupando un espazo prioritario a literatura infantil. "É o xénero no que nós estamos máis cómodos e no que máis liberdade atopamos. A maiores, a literatura infantil é a que máis motiva ao lector. Cada vez se perde máis o hábito de ler porque temos moitos entretementos, pero é certo que cos cativos non se perdeu de todo. Os pais invisten en literatura infantil e en libros, aínda que despois segundo van medrando os nenos se perda a rutina", din en Gnomo.

Pelo de nube xa está nas librerías e os autores están a preparar datas para presentar a obra en Monforte e Vigo.

Comentarios