"As redes dan unha imaxe da muller irreal e perigosa"

Patricia González e Ana de la Torre, traballadoras sociais de Sober, artellaron Inmarcesibles, unha mostra fotográfica na que participaron 25 mulleres da comarca que se deixaron fotografar por María Fernández para mostrar a beleza real feminina, a que a sociedade se empeña en agochar
Patricia González, esquerda, e Ana de la Torre. A.R.
photo_camera Patricia González, esquerda, e Ana de la Torre. A.R.

Como se inicia Inmarcesibles?
Comezamos a traballar a primeiros de ano e a primeira exposición foi no mes de xullo. O que nós pretendemos é rebatir o canon de beleza que a sociedade nos impón ás mulleres. A través das redes sociais e doutros medios de comunicación fomentase unha imaxe que non se axusta á realidade. Iso produce que as persoas que non entran nesa imaxe consideren que teñen defectos e xurden os complexos. O que quixemos mostrar son corpos reais.

Animáronse as mulleres da comarca a participar no proxecto?
Fixemos unha primeira chamada e, anque había moitas voluntacrias, a maioría non estaban seguras de mostrar o seu rostro. Despois fixemos unha segunda rolda na que xa especificamos que buscabamos mulleres con estrías, con engurras, con diferentes pesos, cicatrices, sen depilar... corpos normais nos que todas podemos vernos reflectidas. Ao ser máis concretas, todo foi mellor.

O traballo fotográfico é obra de María Fernández.
Sí. E teño que dicir que, ademais da calidade das fotografías, o traballo dela foi impecable. Dende o primeiro momento conseguiu que as 25 mulleres que participan na iniciativa se sentisen cómodas. Saen en roupa interior e houbo moita complicidade entre elas. A verdade é que era unha fase do proxecto difícil e todo saiu perfectamente. Hai fotos nas que saen varias mulleres, na imaxe semella que se coñecen de sempre e moitas delas non se viran nunca, pero na sesión fotográfica creouse un ambiente que axudou a ese resultado.

E o título?
Inmarcesible é aquilo que nunca se murcha. Pareceunos acaído porque o corpo da muller  sempre está perfecto. Nunca se mucha, vai mudando cos anos, cos episodios da vida pero sempre é perfecto.

Creo que traballan nunha segunda fase do proxecto.
Estes días a mostra está en Sarria e despois está previsto que vaia a outros lugares coma Esgos ou Pereiro de Aguiar, pero a nosa idea agora, cara finais de mes, é comezar cun ciclo de charlas e actividades nos centros educativos e no cárcere de Pereiro para que a xente nova sexa consciente de que non todo o que sae nas redes é real, especialmente a imaxe da muller. A través das influencers, da publicidade e dos filtros das  aplicacións todo o mundo quere achegar unha versión de sí mesmo que, ao fin, é un engano e que acaba por converterse nunha imposición social.

Teñen datos dunha enquisa que son preocupantes.
Fixemos unha enquisa entre 400 mulleres nas que lles pedíamos que explicasen como se sentían co seu corpo, se cambiarían algo... entre as repostas chamounos a atención que dúas rapazas menores de idade contestasen que cambiarían ‘todo’ do seu corpo. Por iso pensamos nesta segunda parte de Inmarcesibles, porque percibimos que hai unha multitude mozas moi vulnerables ante a imaxe irreal que dan as redes sociais, que é moi perigosa.

Comentarios