EXTRA | RIBEIRA SACRA E SERRAS DO ORIBIO E COUREL

Unha oportunidade para Galicia

Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
photo_camera Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Dise que cando nacemos cada un de nós temos unha personalidade diferente, e que o paso dos anos e as experiencias vitais nos moldean como persoas. Dalgún xeito, os territorios experimentan este proceso: cada recuncho de Galicia ten unha esencia e personalidade propia, que os fai únicos e irrepetibles, e o paso do tempo e a pegada do ser humano moldean os seus valores.

En Galicia, a beleza e o valor das paisaxes é incalculable. Un abano que vai desde o mar, a pedra e a area do litoral, ou as extensas praderías verdes do interior, ata as altas serras orientais da Ribeira Sacra, cunha contrastada morfoloxía e ríos que percorren o territorio.

Estou segura de que cada galega e galego é hoxe moi consciente da relevancia destas paraxes e do deber de preservalas, porque son un recurso patrimonial incuestionable que participa do interese xeral nos aspectos ecolóxicos, culturais, económicos e sociais. Sen dúbida, a Ribeira Sacra é un bo exemplo do potencial que ten un territorio para vivir e convivir en harmonía.

Por iso, o Goberno galego quixo recoñecer a súa singularidade a nivel mundial, e impulsou a candidatura a Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. A proposta, que esperemos que chegue a bo porto este ano, aglutina a 23 concellos -18 de Lugo e 5 de Ourense- cun alto valor paisaxístico e cultural en común, unidos na súa aposta por un desenvolvemento sustentable baseado nas prácticas tradicionais.

Candidatura

Trátase dun lugar de excepcional riqueza polos seus compoñentes ambientais, paisaxísticos e culturais, como demostra tamén a súa recente declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).

De feito, se a candidatura a Reserva da Biosfera impulsada pola Xunta supera todos os requisitos esixidos pola Unesco, este territorio estaría en disposición de obter un triplo recoñecemento por parte do organismo internacional. Cómpre lembrar que no ano 2019 xa declarou Xeoparque as Montañas do Courel, que se converteron así no primeiro espazo natural con esta denominación en Galicia e, ademais, a Consellería de Cultura segue a avanzar na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial. Somos ambiciosos e sempre aspiramos a máis.

Este territorio estaría en disposición de obter un triplo recoñecemento
A paisaxe é un elemento fundamental da calidade de vida das persoas

Tras recibir a finais de 2020 o respaldo unánime da delegación española da Unesco encargada de filtrar e valorar as candidaturas, estamos convencidos de que a Ribeira Sacra se converterá pronto na sétima Reserva da Biosfera de Galicia, quedando así o 42% do noso territorio amparado baixo algún tipo de figura de protección.

Esta declaración é importante pola forma, ao ser o cumio do esforzo e do traballo continuado de moitas persoas ao longo destes anos para coidar e protexer esta zona, e polo fondo, ao permitir potenciar as oportunidades dos distintos bordos deste territorio, que levan a Galicia a un nivel superior.

Queremos a tripla coroa da Unesco para a Ribeira Sacra porque este fermoso territorio a merece e porque contribuirá á posta en valor e ao recoñecemento internacional de todo o patrimonio natural da Comunidade.

Aproveitar esta oportunidade que se nos abre ás galegas e galegos, e sobre todo aos habitantes que viven e conviven con este lugar, é unha obriga que non abordamos de calquera xeito, senón que nace da análise, do diálogo e do consenso con todas as entidades e persoas que interveñen neste espazo.

Un plan de todos

Así, a aposta pola súa dinamización está baseada nunha folla de ruta pensada desde o Goberno galego, pero que contou coa colaboración das entidades sociais e económicas da zona, pois está claro que de pouco serven as estratexias se estas non responden ás demandas de quen está pegado ao territorio.

Deste xeito naceu o Plan de acción estratéxico para a Ribeira Sacra, impulsado no ano 2019, no que se establecen dez actuacións ambientais e de ordenación do medio físico para mellorar e poñer en valor este lugar. Estamos ante dez oportunidades para dinamizar esta zona grazas a un orzamento de 3,5 millóns de euros.

Nestes tres últimos anos déronse pasos importantes, e necesarios, para avanzar no reto de preservar e protexer os valores que converten este punto de Galicia nun lugar único e extraordinario. Pasos como a declaración dunha Área de rehabilitación integral ou a fusión das áreas do Canón do Sil e do Canón do Miño nunha única Área de especial interese paisaxístico. O avance máis recente, por poñer outro exemplo, foi o Plan de acción da paisaxe na Ribeira Sacra, sometido a información pública desde o pasado 20 de abril para acadar a súa aprobación e posterior posta en práctica.

Todo o esforzo e traballo do Goberno galego ten por finalidade incidir en que a paisaxe é un elemento fundamental da calidade de vida das persoas e, como tal, debe ser o reflexo fiel dun territorio e dun medio ambiente de calidade.

Cada vez máis unha sociedade se pode considerar moderna polo seu grao de conciencia e implicación co seu patrimonio natural e cultural e, sobre todo, da relación harmónica que manteña co medio no que intervén. Un vínculo que faga primar o uso racional do territorio, o aproveitamento sostible dos seus recursos, un desenvolvemento urbanístico respectuoso e o recoñecemento das funcións principais que xogan as paraxes naturais.

Iso é o que queremos para o futuro da Ribeira Sacra, a un paso de converterse na sétima Reserva da Biosfera de Galicia. Cremos na Ribeira Sacra como un dos exemplos máis vivos de que a paisaxe, un dos nosos signos de identidade máis característicos e recoñecibles, é a mellor carta de presentación que podemos ofrecer da nosa terra ante o mundo.

Comentarios