O operativo especial para atopar a Misi levarase a cabo o xoves

No dispositivo participarán membros da Unidade Especial de Guías Caninos da Policía Nacional desprazados desde Madrid, axentes dacabalo da Policía Nacional, efectivos da Unidade de Drones da Axega e bombeiros de Monforte

Carlos Yáñez Mondelo, alias Misi. EP
photo_camera Carlos Yáñez Mondelo, Misi. EP

A Subdelegación do Goberno en Lugo e o Concello de Monforte de Lemos confirmaron que o operativo especial para reforzar a procura de Carlos Yáñez Mondelo, alias Misi, o sesaxenario desaparecido o pasado 3 de agosto en Monforte de Lemos, levarase a cabo o vindeiro xoves día 30.

En concreto, este novo dispositivo estará integrado por membros da Unidade Especial de Guías Caninos da Policía Nacional desprazados desde Madrid, axentes dacabalo da Policía Nacional, efectivos da Unidade de Drones da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) e bombeiros do Parque Comarcal de Monforte. Así mesmo participarán nos labores de procura axentes da Policía Nacional e Local, así como persoal de Servizos á Cidadanía do Concello monfortino.

O alcalde do municipio, José Tomé, e a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, coincidiron ao sinalar que se van a esgotar todas as posibilidades, polo que mantemos unha comunicación permanente" entre ambas as institucións. "O que temos claro é a nosa vontade de que por medios a disposición para atopar a Misi non vai quedar", indicaron.

Os labores de procura realizaranse nun radio de tres quilómetros, polas posibles rutas que Misi puido seguir desde Monforte ata as instalacións de Prodeme

Antes de desenvolver o operativo do xoves, determinouse unha idea previa de como realizar a procura. Tomé e Rodríguez sinalaron que se pretende "inspeccionar as posibles rutas que Carlos puido seguir desde a cidade ata as instalacións de Prodeme", o centro para atención a persoas con discapacidade do que era usuario Misi.

O rexedor monfortino e a subdelegada do Goberno precisaron que os labores de procura levarán a cabo "ao longo dun radio de tres quilómetros aproximadamente". "Quizais puido desorientarse durante o percorrido e queremos analizar todas as posibles rutas neste traxecto", apuntaron.

No que se refire ao operativo en si, os efectivos organizaranse en dez equipos para poder cubrir todo o territorio que se vai a inspeccionar, na contorna das instalacións de Prodeme. En concreto, irá desde o centro urbano de Monforte pasando por Ribasaltas, As Barrioncas, As Lamas e a zona de acceso ás parroquias de Chao do Fabeiro, Baamorto, Seoane e A Vide.

Este territorio dividirase en dez zonas de traballo, cada unha das cales será "peiteada exhaustivamente" por cada equipo. De feito, os cabalos, cans e drones empregaranse para acceder ás "zonas máis boscosas e de difícil acceso".

En canto á hora de inicio, prevese que o dispositivo inicie os traballos ao longo da mañá do xoves, ao redor das 09.00 horas.

Desde o consistorio monfortino e tamén desde a Subdelegación do Goberno esperan que este novo operativo "sirva para obter algún resultado", logo de buscar a Misi durante as últimas semanas por terra, "mar e aire".

De feito, o pasado sábado 18 de agosto xa se efectuou unha procura de similares características, nas que participaron un helicóptero da Policía Nacional e membros do Geas (Grupo Especial de Actividades Subacuáticas) da Garda Civil peiteando o río e a canle de regadío Val de Lemos.