Un oficio rescatado polo pellet

O monfortino Óscar García Fernández vive do seu traballo como deshollinador, que lle fai limpar tanto estufas que utilizan combustible a base de madeira como chemineas de leña

oscar
photo_camera Óscar García pon a punto unha cociña de Monforte. TOÑO PARGA

Cando se pensa no traballo de deshollinador, a moitos vénselles á mente o personaxe da mítica película de Disney Mary Poppins, manchado de negro e acompañado por unha escobilla. Este oficio parecía terse perdido, pero o uso cada vez máis común do pellet como combustible recuperouno en Monforte.

O aspecto e os dispositivos de Óscar García Fernández pouco ou nada teñen que ver cos de Bert The Matchman, o personaxe do filme citado anteriormente. Aínda así, no seu cartón de promoción pode verse como símbolo a figura dunha persoa ataviada cun gran chapeu e unha escobilla, en clara evocación á antiga aparencia dos deshollinadores, encargados de manter limpas as chemineas.

A función de Óscar García é exactamente esa. Este veciño de Monforte afirma que cada vez son máis as persoas que levan a cabo este importante labor na cidade do Cabe.

"Estes días, como vai tanto frío, non paro. Cada vez hai máis xente que emprega sistemas de calefacción con pellet", afirma o deshollinador monfortino. Para limpar as estufas, Óscar desmonta primeiro os rexistros das mesmas. Logo emprega un cepillo con fíos de nailon e unha guía.

"Levo dous anos con este traballo e case sempre por avarías ou atascos nas estufas. É moi importante revisar que todo estea en orde unha vez se remata", sinala o deshollinador, que tamén se dedica á limpeza de chemineas de leña.

Neste caso, Óscar García sobe ao tellado para proceder ao seu labor. As chemineas límpaas desde arriba e emprega dous dispositivos diferentes en función do material do que estea construído o conduto.

Se a cheminea está feita de ladrillo, o deshollinador monfortino utiliza para deixala impoluta uns cepillos de aceiro cadrado. En cambio, se se trata dun canón fabricado con aceiro, ten que empregar cepillos de nailon.

CAUSAS. Antes de desempeñarse como deshollinador, Óscar García traballaba nunha empresa de material de construción. Foi entón cando viu as posibilidades que se abrían ante el co uso do pellet, un material de combustión feito a base de madeira.

O deshollinador afirma que o 80% dos seus clientes chaman para desatascar ou arranxar as súas chemineas, tarefa que lle fixo sacar dos condutos desde paxaros a niños de avispas. Só un 20% recorre a el para labores de mantemento. "Eu recomendaría que as chemineas se limpasen polo menos unha vez cada dous anos para evitar problemas", di.

Comentarios