A oficina de turismo de Monforte bate a marca de visitas nun día

Un total de 295 persoas solicitaron información turística o pasado martes â??Do día 1 ao 12, atendéronse 2.033 peticións, case a mesma cifra que todo o mes de xullo

Turistas en Monforte. I.L
photo_camera Turistas en Monforte. I.L

A oficina de turismo de Monforte rexistrou unha marca de visitantes o pasado martes, día 11, cando se atenderon a un total de 295 persoas. Isto supón a cifra máis alta de turistas atendidos nun só día nos últimos tres anos, segundo asegura o Concello monfortino.

Esta cifra é un indicativo de que a afluencia de visitantes á cidade do Cabe non se está vendo minguada pola pandemia. De feito, desde o día 1 ao 12, o total de consultas atendidas foi de 2.033, das cales 1.717 foron presenciais e 316 telefónicas. Isto supón case igualar en pouco máis dunha semana os datos de visitantes de todo o mes de xullo.

O alcalde de Monforte, José Tomei, destaca que, salvo a excepcionalidade do martes, a media de persoas atendidas é de 140 por día, sendo Madrid, Valencia e Barcelona as principais cidades de orixe dos turistas. En canto a procedencias internacionais, destacan os visitantes de Francia, Suíza e Italia.

Sobre o tipo das consultas efectuadas, as persoas que se achegan á oficina de turismo ou que chaman por teléfono interésanse principalmente polos horarios e prezos das viaxes en catamarán, as visitas ás adegas e a localización dos miradoiros da Ribeira Sacra, así como pola oferta gastronómica, monumental e hostaleira de Monforte.

No que se refire aos tipos de aloxamentos, os hoteis e hostais da cidade son a opción preferida. Con todo, desde a oficina de turismo destacan a afluencia de autocaravanas durante este verán e o uso de apartamentos turísticos.

Desde o Museo do Viño subliñan a afluencia constante de visitas que están a recibir nas instalacións. Das catro quendas ofertados por día, tres rexistraron o aforamento completo durante a última semana. No caso do Museo dos Escolapios, tamén teñen aforamento cheo a maioría das catro quendas ofertados.

Finalmente, o rexedor monfortino incide no éxito que está a ter o código QR, implantado recentemente para que os visitantes que acoden a Monforte poidan descargar nos seus móbiles os horarios e servizos que se ofrecen desde a oficina de turismo. A iniciativa foi posta en marcha como alternativa ao papel.

Comentarios