Tres obras que xa atoparon autor

A investigadora Manuela Sáez atribúe a Guglielmo della Porta e a Sebastiano Torrigiani varias pezas do museo das Clarisas. Os traballos chegarían a Monforte a través do sétimo conde Lemos e a súa esposa

TEAU1710
photo_camera Cruz relicariodel museo monfortino de arte sacro cuxo Crucificado, segundo Manuela Sáez, podería ser de Torriagiani. TOÑO PARGA

A doutora en Historia da arte e experta nos condes de Lemos, Manuela Sáez, logrou identificar os artistas que elaboraron tres das pezas que se atopan no museo de arte sacro das Clarisas de Monforte e das que, polo momento, non estaba clara a súa autoría. Segundo os estudos realizados pola investigadora, dúas das pezas poderían ser de Guglielmo della Porta e outra de Sebastiano Torrigiani.

Sáez argumenta que Pedro Fernández de Castro e a súa esposa Catalina de la Cerda e Sandoval foron grandes coleccionistas de arte italiano e que moitas obras que formaban parte do seu patrimonio están na actualidade no citado museo, na pinacoteca do Colexio do Cardeal, tamén en Monforte, e en numerosas igrexas da zona. É o mencionado museo o que alberga as pezas menos coñecidas pero non por iso menos importantes.

Guglielmo della Porta foi un artista italiano que asumiu a restauración de estatuas antigas e labrou unha gran reputación na elaboración de crucifixos e pezas relixiosas.

Segundo Manuela Sáez, de Guglielmo della Porta consérvase no museo monfortino un Crucificado. "A obra é de gran beleza, deixa ver os detalles anatómicos da figura. Percíbense cartílagos, costelas, veas, músculos e unha ferida sanguenta no seu costado", explica Sáez. Para a investigadora, o aspecto musculoso da peza garda semellanzas cos cristos de Miguel Ángel, a quen Della Porta admiraba.

A experta engade que a obra é moi similar a outra do mesmo autor que se atopa no museo Lázaro Galdiano de Madrid, aínda que a de monfortina "é de mellor factura". Está nun marco rectangular rodeado de reliquias.

Pero para a investigadora hai outra peza máis no museo que ela atribúe a Della Porta. Trátase de El Santo Entierro, realizado en pasta sobre unha lámina de jaspe.

Os autores Manuel Chamoso Lamas e Manuel Casamar mencionan que a obra trátase de arte italiano da segunda metade do século XVI e Sáez non descarta que a pasta sexa cera ou arxila mesturada con creta, un material moi utilizado por Guglielmo della Porta.

A peza gardaría semellanzas con outra que se atopa no The Walters Art Museum. "Teñen a mesma disposición e número de figuras realizadas con gran realismo dramático", explica Sáez. A do The Walters Art Museum está realizada cunha capa fina de ouro polo prateiro de ouro veneciano Cesar Targone, copiando un dos modelos de Guglielmo della Porta.

TORRIGIANI. Outra obra importante das Clarisas o a Cruz relicario con diversas pezas en bronce dourado. O Crucificado que forma parte do conxunto sería obra de Sebastiano Torrigiani, que traballou no obrador de Guglielmo, onde fundiu crucifixos.

O cristo desa cruz segue os modelos de Guglielmo aínda que lle engade algunhas modificacións, segundo apunta Manuela Sáez. "O nó do pezonium de forma redondeada é moi axustada, a tea que colga logo de ser atado é máis basta e pesada, non ten o movemento dos exemplares de Guglielmo. Estes detalles así como os brazos, antebrazos e nais atopámolos noutras cruces de Torrigiani, como na San Giacomo Maggiore en Bolonia ou outra que hai na igrexa monfortina da Régoa", engade a investigadora.

Para Manuela Sáez a cruz na que está colocada o Crucificado non é o orixinal e podería proceder dalgún dos agasallos que Gran Duque Ferdinando de Lerma lle fixo a Catalina de Zúñiga.

Dous artistas do mesmo obrador
Guglielmo della Porta procedía da rexión da Lombardía italiana. Formouse en Milán, Xénova e despois foise a Roma onde se coñeceu a Miguel Ángel.

Ademais, os seus bos contactos axudáronlle a entrar no círculo papal e conseguir unha distinguida e numerosa clientela.

A súa grande obra foi a tumba de Paulo III pero, segundo indica Sáez, supúxolle un grande esforzo e logo centrouse nos bosquexos, os debuxos e o modelado de cera e arxila.

Sebastiano Torrigiani traballou como escultor e prateiro no obrador de Della Porta e fíxose cargo do taller despois de casar coa nai do fillo de Gugliemo á morte deste.

Comentarios