O mel polo que tolean os osos está en Quiroga

Sete apicultores venderon 2.000 quilos deste produto na mostra que serviu de apertura das festas

Un apicultor realza o seu produto ante os turistas. TOÑO PARGA
photo_camera Un apicultor realza o seu produto ante os turistas. TOÑO PARGA

"Como non vai ser boa? Ao oso gustalle moito!". Ese era o argumento que un dos sete apicultores que acudiron á mostra do mel de Quiroga celebrada este venres na vila esgrimía a pé de posto para convencer un turista que lle daba voltas á compra de dous tarros deste exquisito produto.

O vendedor explicaba que nos últimos tres meses o oso asaltara ata catro veces as súas colmeas e que ás do veciño nin se achegara. "Por algo é", razonaba o apicultor. O turista finalmente cerraba o trato, non se sabe se convencido polo argumento do oso ou pola cara de felicidade que poñía a súa dona despois de catar un chisco de mel cun biscoito.

O caso é que o oso veu para quedar nas montañas do Courel e na feira a idea dun plantígrado asaltando as colmeas xa se instaurou coma estratexia de márketing. A iso chámaselle ir cos tempos.

O mel de castiñeiro vale un pouco para todo. De primeiras é o máis adecuado para tratar un arrefriado ou suavizar a gorxa

Na mostra quiroguesa saíron á venda uns 2.000 quilos de mel e outros derivados coma o polen ou a xelea real e a verdade é que aos apicultores no lles custou moito convencer ao consumidor.

A maioría da colleita xa se vende a clientes fixos que chegan á primeira hora da mañá polo recinto e levan abonda despensa para todo o inverno. Xa se sabe que hai que facerlle fronte aos catarros e untar as filloas da matanza.

Cando os habituais voltan á casa, entran en escea os turistas e visitantes máis despistados que pican aquí e acolá, un pouco en cada posto.

Os que se achegaron puideron atopar variedades máis habituais coma o mel milflores, no que se mezclan as variedades florais coas que traballan as abellas, ou o cotizado mel de castiñeiro, máis característico da montaña lucense e que ten propiedades case que milagreiras.

O mel de castiñeiro vale un pouco para todo. De primeiras é o máis adecuado para tratar un arrefriado ou suavizar a gorxa. Pero as súas características non rematan niso, tamén rexenera os tecidos do intestino e é un bo antiinflamatorio.

Os que onte se animaron a probalo xa curaron, e xa están listos para troulear nas festas de Quiroga que quedaron inauguradas coa mostra na que se destaca un dos produtos máis auténticos de toda a comarca.

Comentarios