O comezo do show

O Ribeira Sacra Ladies Open 2019 arrincou este martes cunha festa en Ferreira de Pantón. A proba ProAm dispútase hoxe mércores e a competición prolongarase ata o sábado

A sétima edición do Ribeira Sacase Patrimonio da Humanidade Ladies Open de Golf, que se disputará ata o sábado no Oca Augas Santas de Ferreira de Pantón arrincou este martes cunha gran festa en Ferreira de Pantón. Mañá xoves dará comezo a fase previa do campionato, que se definirá o sábado cunha xornada de portas abertas.

Hoxe celébrase unha proba ProAm. Na mesma, tres golfistas afeccionados comparten equipo cunha das golfistas participantes no evento. No acto inaugural, que contou cunha festa na Praza do Concello de Ferreira de Pantón, actuou a banda Dani Barreiro and Friends, que repasou os mellores éxitos da música española dos anos 70, 80 e 90. Ademais, os máis pequenos puideron gozar de inchables durante a tarde.

Na xornada do martes tamén se disputou unha proba ProAm, na que tres golfistas afeccionados tiveron tamén a posibilidade de compartir equipo cunha das deportistas participantes no gran campionato. Toda a recadación do evento irá destinada á Asociación Ruliños Terra de Lemos, que axuda aos nenos con necesidades especiais da zona de Monforte.

O Ladies Open é unha das grandes citas anuais do golf na provincia de Lugo. Ten o valor engadido de ser unha das dúas únicas probas do devandito circuíto que se celebran este ano en España. Mañá xoves comezarán as roldas previas do torneo, que se prolongarán ata o venres. O sábado día 13 será o último de competición do Ladies Open. As recompensas nesta edición, a sétima, alcanzan os 35.000 euros en premios.

Esta colorida proba permite dar a coñecer as magníficas paraxes da Ribeira Sacra

A última xornada de competición, na que se decidirá a gañadora do torneo, será de portas abertas para todo o público. Alí loitarán polo título as 40 mellores golfistas da fase previa. Os asistentes poderanse achegar ao Oca Augas Santas de Ferreira de Pantón para gozar dunha colorida proba que serve para dar a coñecer as magníficas paraxes da Ribeira Sacra.

Na edición do 2018 do Ribeira Sacra Ladies Open impúxose a xogadora sueca Johanna Gustavsson, que terminou o torneo por diante da francesa Vayson de Pradenne e da española Eung Junj Ji Kim.

Comentarios