O novo servizo de bus urbano de Monforte, gratis para os seus usuarios

O Concello saca a concurso público por un montante de case 80.000 euros anuais a súa adxudicación, que durará dez anos

Bus urbano de Monforte. AEP
photo_camera Bus urbano de Monforte. AEP

O alcalde monfortino, o socialista José Tomé Roca, anunciou a licitación mediante concurso público do servizo municipal de bus urbano, que levaba quince anos en funcionamento cun contrato en precario. A principal novidade que sairá da nova adxudicación é que o autobús será totalmente gratuíto para os veciños. Tomé destacou que o seu equipo dá, así, "un paso máis para atender as necesidades sociais dos veciños, como pode ser, neste caso, a mobilidade".

O rexedor manifestou que os principais usuarios do servizo de transporte urbano son persoas do colectivo da terceira idade e estudantes, dous colectivos que "non destacan, xunto con moitas máis persoas non noso concello, por desgraza, por ter grandes ingresos económicos"; de aí, subliñou, "a necesidade de darlles un servizo gratuíto, moderno, adaptado e accesible que dea resposta ás necesidades de todos".

AS PLICAS. O concurso, que se publicitará este xoves, contempla unha partida económica de 79.345 euros ao ano para o servizo. O contrato asinarase por dez anos e ao finalizar o vehículo quedará en poder do Concello.

O autobús deberá ser de nova adquisición e disporá dun mínimo de 25 prazas. Primarase a empresa que oferte o maior número delas sentadas. Tamén deberá ter dúas para cadeiras de rodas e unha plataforma elevadora para que poidan acceder as persoas con discapacidade ou mobilidade reducida.

O vehículo disporá de polo menos 25 prazas, dúas para persoas en cadeira de rodas, e dunha plataforma para acceso a minusválidos

O bus funcionará, como ata agora, de luns a venres desde as oito da mañá ás oito da tarde, facendo un circuíto circular que vai desde Ribasaltas a Piñeira pasando por diferentes rúas do centro urbano, o cemiterio e o hospital comarcal. Os sábados só funcionará de oito da mañá a dúas da tarde. Os domingos non haberá servizo.

O vehículo terá tamén que dispoñer dunha pantalla de televisión para que o Concello poña vídeos promocionais e avisos e dun aparello emisor de billetes para soamente controlar o número de viaxeiros.

Tomé espera que a adxudicación se produza no último trimestre deste ano, encargándose dela a corporación municipal que entre tras as eleccións do día 26. O alcalde engadiu que a decisión de que o servizo sexa gratuíto poderá ser modificada polo goberno dentro de dez anos.

Unhas 6.000 persoas ao ano
O autobús urbano de Monforte non destaca polo elevado número de usuarios. O alcalde indicou este martes que son, máis ou menos, unhas 6.000 persoas as que o usan ao ano, o que arroxa unha cifra de 20 diarias. Trátase dun servizo deficitario, pero, destacou Tomé, "dun alto valor social".

Paradas
A adxudicataria e o Concello encargaranse de instalar os sinais onde o bus teña que parar no seu percorrido pola cidade e os seus barrios.

Comentarios