Nova iniciativa para peonalizar o barrio chantadés da Ponte

Os veciños intentan constituír unha asociación que recupere a antiga ponte medieval e retire o tráfico de vehículos da estreita rúa principal da zona

Barrio de A Ponte, en Chantada. ANA SOMOZA
photo_camera Barrio da Ponte, en Chantada. ANA SOMOZA

Un grupo de veciños da Ponte (Chantada) iniciaron os trámites para constituír unha asociación detrás de recuperar a antiga ponte medieval que había na zona e lograr a peonalización do barrio. Segundo destacou un dos seus promotores, Francisco Javier González Yebra-Pimentel, o futuro colectivo aínda non ten nome, pero si comezaron a redactarse uns estatutos.

O obxectivo é sacar o tráfico da única rúa que hai neste grupo de casas situado na marxe dereita do río Asma e conectado ao resto do centro urbano por unha ponte. Trátase dunha vía moi estreita coñecida como Estrada da Ponte que ten continuidade na estrada LU-P-1801. A pesar de que apenas caben dous coches, é de dobre sentido. "Pertence á Deputación de Lugo e conecta máis adiante coa N-540", matiza Yebra-Pimentel.

O problema non é novo nesta parte de Chantada. Segundo Yebra-Pimentel, os veciños puxéronse no seu día en contacto coa Deputación para solucionar o problema, pero foi a través dun escrito á Valedora do Pobo como apareceron as primeiras alternativas.

Unha delas consistía nun acordo entre a Deputación e o Concello para instalar pasos de peóns elevados e semáforos en ambos os extremos da rúa, que permitirían un tráfico alternativo nun único sentido. Yebra-Pimentel relatou que esta opción non contentou aos veciños do lugar do Convento e a parroquia de Camporramiro, cuxa conexión natural con Chantada é esta estrada, pois "advertiron de que habería un colapso no tráfico".

SOLUCIÓN IDEAL. Yebra-Pimentel destacou que a alternativa que parece contentar a máis xente, a que se persegue, é a de construír unha ponte para os coches que unha O Convento coa zona de Chantada onde se atopa un transformador de Fenosa, preto da depuradora. "É o que queremos todos. Executar a obra supón modificar o plan xeral do Concello, pero podería facerse rapidamente", sinalou este veciño.

O outro obxectivo que buscará a asociación, que estaría formada por xente de toda Chantada, é tamén a recuperación da antiga ponte medieval que conectaba A Ponte coa alameda. Segundo Yebra-Pimentel, a intención é "facer un estudo e investigación para pescudar onde levaron o vello ou ben reconstruílo de novo".

Comentarios