A música desbordou a Ribeira Sacra

Gran resposta do público a todas as actividades programadas na segunda edición do Festival 17º, que se pechou na mañá do domingo con DeVacas e catas en Chantada

Parte del público que participó en los conciertos del sábado. TOÑO PARGA
photo_camera Parte do público que participou nos concertos do sábado. TOÑO PARGA

Se o venres foi unha xornada intensa en canto a concertos e actividades complementarias dentro do festival 17º Ribeira Sacra, o da xornada do sábado desbordou as expectativas creadas.

Todo comezou ás dúas e media da tarde na contorna da adega Regina Viarum, un lugar privilexiado dentro da subzona de Amandi, cun concerto que non deixou indiferente a ningunha persoa que se achegou a tales horas ata o lugar. Un dos que non quixo perderse a cita resumiuno dicindo que "merecera a pena, e moito".

Pero o epicentro do 17º estaba en pleno centro de Monforte, no alto do monte San Vicente do Piñeiro, na contorna do Parador de Turismo, onde a partir das oito da tarde actuaron Woodss, Fuckaine, Puerto Candelaria e Freedonia, para pechar o concerto, ben pasada a unha da madrugada, Coque Malla, coa actuación estrela do festival.

Tratouse dun concerto para o que foi necesario retirar invitacións. Que non fose gratuíto non impediu que a contorna do Parador e da antiga igrexa conventual se enchese de público de todas as idades para participar no que algúns non dubidaron en cualificar dun "evento único".

O festival 17º Ribeira Sacra pechouse na mañá do domingo cun taller de creación titulado Os segredos do vermú, impartido na adega Vía Romana de Chantada, onde ademais houbo unha degustación de tapas elaboradas con produtos típicos da comarca.

Os actos continuaron á unha da tarde na Praza de Galicia de Chantada, onde se ofreceron concertos os grupos De Vacas e Bifannah.

Á mesma hora, moi preto da vila do Asma, no pobo de Belesar, tamén se celebrou un concerto de Holly Miranda.

Comentarios