O museo etnográfico de Quiroga recrea unha imprenta do século XX

Unha nova sala mostra as dúas máquinas que funcionaban nos almacéns El Derroche
La nueva sala abierta en el museo etnográfico de Quiroga. EP
photo_camera A nova sala aberta no museo etnográfico de Quiroga. EP

O museo etnográfico de Quiroga ampliou o seu contido coa apertura dunha nova sala dedicada a expoñer todo o material da imprenta de Almacenes El Derroche. Nela, o público pode contemplar as dúas máquinas de impresión que houbo no municipio a comezos do século XX.

Este material pertencía á familia de Eugenio Bobillo, último propietario dos almacéns, que pecharon en 1995 debido á súa xubilación. Das dúas máquinas en cuestión saíron a práctica totalidade dos impresos de Quiroga o pasado século. Segundo relatou o Concello ocupábanse de sacar desde necrolóxicas, a programas de cine ou festas, recordatorios de primeiras comuñóns ou invitacións de voda.

O almacén foi fundado en 1900 polo fotógrafo Ignacio Rodríguez Cid. O seu fillo adoptivo era Nilo Bobillo, pai de Eugenio que axudou a sacar adiante o negocio e establecelo na que foi a súa localización ata o cesamento definitivo da actividade.

Foi a primeira imprenta que houbo no municipio e, segundo o Concello, a única ata a data

O MATERIAL. A máis antiga das dúas máquinas expostas en Quiroga fabricouse no século XIX. Tras varios anos funcionando no almacén foi substituída por outra máis moderna, de comezos do século XX. Con todo, para traballar nesta empresa eran necesarios moitos máis elementos, todos eles colocados na nova sala do museo etnográfico.

O público pode ver, por exemplo, os caixóns onde se gardaban os diferentes moldes de letras e debuxos que se utilizaban para levar a cabo as impresións. Eran carácteres moi numerosos e diminutos que se unían formando palabras pola regra de composición. Tras ser cuberta sutilmente de tinta imprimíase no papel.

NEGOCIO AMPLO. El El Derroche, o público podía adquirir tamén teas, roupa, calzado ou artigos de papelería. O potente establecemento abriu, ademais, a primeira funeraria e o primeiro estanco de Quiroga.

A imprenta foi igualmente a primeira que houbo no municipio e, segundo sinalou o Concello, a única ata a data. O material atopábase no depósito dos herdeiros de Eugenio Bobillo, que no seu día cederon ao museo etnográfico outra curiosa peza de importante valor histórico. Trátase dunha pianola que está exposta na sala de catas habilitada nestas instalacións.

Comentarios