O multiusos de Monforte disporá de cuberta nova por 255.812 euros

O Concello pretende eliminar os problemas de humidades, debidos a unha capa illante inadecuada, que se detectan no edificio desde que foi inaugurado hai xa dúas décadas
photo_camera Tomei explica o proxecto flanqueado pola tenente de alcalde e o concelleiro de servizos. EP

O Concello de Monforte fará un investimento de 255.812 euros para renovar totalmente a cuberta do edificio multiusos, situado na rolda urbana, co fin de eliminar os problemas de humidades que se detectan no inmoble desde a súa inauguración, hai xa dúas décadas. O alcalde, o socialista José Tome Roca, sinalou que o edificio sempre padeceu problemas estruturais e de tipo funcional.

Sobre iso puxo como exemplo, ademais das filtracións de auga desde o tellado e as humidades interiores, que dispuxese dun ascensor que nunca chegou a funcionar ata a súa chegada ao goberno local, a falta de accesibilidade que se corrixiu construíndo unha rampla ou que o anfiteatro do salón de actos non dispoña de asentos debido a un mal deseño, xa que desde el non se ve o escenario.

TEITO PLANO. José Tome manifestou que as humidades que se detectan débense a que o tellado, cunha superficie de 2.112 metros cadrados, é plano e dispón dunha capa illante inadecuada para unha rexión como Galicia. Por iso, decidiuse colocar sobre el un novo, a dúas augas, para unha perfecta evacuación da choiva.

Os materiais utilizados para estes labores serán paneis tipo sandwich de 50 milímetros de espesor e dobre capa. Ademais, unha vez rematada a nova cuberta procederase ao pintado das fachadas do inmoble.

O rexedor local anunciou que a obra sairá a licitación nos próximos días. Será mediante un concurso aberto no que se terán en conta o prezo ofertado e valoraranse as condicións técnicas e as garantías, esixíndose que a empresa adxudicataria subscriba unha póliza de seguro sobre a obra realizada. Tome explicou que así se cobre a garantía no caso de que a empresa que faga os traballos, por calquera motivo, desapareza.

O alcalde destacou que este proxecto forma parte dun paquete de 24 actuacións para mellorar infraestruturas públicas. Neste sentido, anunciou que ao longo das próximas semanas dará a coñecer outras iniciativas relevantes.

Comentarios