Movistar asegura que este venres non haberá desconexión de telefonía fixa no Courel

O que levará a cabo é a baixa dunha central, pero practicamente todos os clientes que dependían dela han migrado xa a fibra
Nuevo logo de Telefónica. EP
photo_camera Telefónica. EP

A compañía Movistar comunicou que este venres, data marcada para un apagamento da telefonía convencional mediante par de cobre no Courelnon levará a efecto; engadindo que ninguén quedará sen servizo, pois desde a empresa de telefonía aseguraron "que Movistar non deixa nunca a ninguén sen servizo".

Esta firma pertencente á compañía Telefónica dixo que este venres se produce simplemente unha baixa administrativa dunha central de Folgoso que atende a unha zona pequena do pobo. A desconexión física da central non se fará efectiva ata maio do próximo ano.

En calquera caso, destacaron desde Movistar, todos os clientes que dependen desa central, que son 49, foron xa migrados a fibra, menos seis. Destes últimos, catro están a atenderse por radio, pero xa se contactou con eles para informarlles que se lles dará fibra proximamente.

Dos dous restantes, un é cuartel da Garda Civil, co que se está falando para dotalo de fibra, e o outro é cámping de Seoane do Courel, que continuará co seu servizo actual mentres Movistar estuda se pode dotalo de fibra óptica. Telefónica fixo todas estas aclaracións ante o gran balbordo que supuxo o envío de cartas aos seus clientes do Courel dicíndolles que era o último día para decantarse por un novo servizo ao pechar o sistema clásico.

Comentarios