miércoles. 21.08.2019 |
El tiempo
miércoles. 21.08.2019
El tiempo

Os monfortinos piden cámaras ante os novos episodios de vandalismo

Unha das luminarias pintadas. EP
Unha das luminarias pintadas. EP

As luminarias dos muros do paseo do río no seu tramo urbano apareceron outra vez rotas e pintadas

Os últimos actos vandálicos ocorridos no paseo do río Cabe de Monforte, onde apareceron varias luminarias esnaquizadas, xeraron queixas dos veciños, que reclaman que aumente a vixilancia nocturna por parte das forzas da orde ou que se instalen cámaras de seguridade que permitan identificar aos autores destas desfeitas recorrentes.

Durante o fin de semana, os vándalos cebáronse de novo coas luminarias do paseo do río. Trátase de dispositivos que están encastrados no muro e que dispoñen dun cristal dun grosor considerable para protexer as lámpadas. A maioría delas apareceron pintadas de cores ou rotas e tanto unas como outras quedaron completamente inservibles.

A situación non é nova, neste caso actuaron na zona que bordea a parte traseira do asilo de anciáns que rexenta unha comunidade de monxas, pero en anteriores datas ocorreu o mesmo no tramo do parque de Os Condes ou na contorna do Paseo do Malecón.

En todas as ocasións anteriores desde o Concello se arranxaron con maior ou menor celeridade os danos, pero os veciños non cren que esa sexa a solución. "Está claro que non se poden deixar sen arranxar, pero tamén hai que exporse medidas máis aló diso porque se están reparando co diñeiro de todos e aos dous días vólvenas a esnaquizar", explicaba onte un dos usuarios do paseo.

Os veciños cren que hai que dar un paso máis e intensificar a vixilancia por parte da Policía Local ou instalar cámaras que permitan velar polo patrimonio público.

Insisten en que ademais dos episodios das luminarias hai constantes ataques, especialmente na zona vella e na zona de San Vicente.

ANTECEDENTES. O pasado mes de marzo varias vivendas do burgo medieval, en concreto da Rúa Burato, apareceron cheas de pintadas. Na maioría dos casos, os vándalos elixiron como lenzo casas abandonadas e nalgunhas delas entraron e esnaquizaron portas e fiestras.

Os veciños aseguraron naquel momento que estaban asustados e denunciaron que na zona fanse con frecuencia botellóns ilegais.

Por entón, o alcalde, o socialista José Tomé, rexeitou a instalación de cámaras de videovigilancia como pedían xa os veciños e comprometeuse a estudar o xeito de reforzar a vixilancia policial nocturna, unha medida que, segundo os afectados, non se notou.

Co ocorrido agora coas luminarias no paseo do río, os veciños recuperan a petición das cámaras de videovixilancia porque cren que é a única forma de ter certo control das zonas máis apartadas do tránsito de xente.

Os monfortinos piden cámaras ante os novos episodios de vandalismo
Comentarios