sábado. 24.08.2019 |
El tiempo
sábado. 24.08.2019
El tiempo

Monforte terá xogos inclusivos en catro parques infantís

Parque infantil en Monforte. EP
Parque infantil en Monforte. EP

A cidade acolle do 15 ao 19 deste mes un campamento para un total de 22 nenos con diversidade funcional na comarca de Lemos

O Concello de Monforte iniciou a instalación de xogos inclusivos en catro parques infantís da cidade, empezando polo da Compañía. Logo colocaranse nas zonas de recreo situadas na Rúa Doutor López Suárez, A Pinguela e A Florida. Trátanse de elementos de xogo adaptados para todos os nenos, para que poidan gozar deles aqueles que teñan unha diversidade funcional.

Desde o equipo de goberno local sinalouse que esta acción está encamiñada a que todos "os nenos poidan xogar todos xuntos para, así, previr exclusións, ademais de favorecer que interactúen e aprendan uns doutros".

Os traballos de instalación destes xogos comezaron na mañá deste mércores na Compañía. Trátase dunha estrutura que asemella un camión cunha dimensión de case seis metros de longo que cumpre con todos os requisitos da Unión Europea.

O alcalde, José Tomé, sinalou que coa colocación destes elementos en catro parques de Monforte cúmprese "co compromiso do noso partido de facer os parques de Monforte adaptados a todos os nenos".

CAMPAMENTO. Esta non é a única acción que levará a cabo ao redor dos nenos e mozos con diversidade funcional en Monforte, Entre o vindeiro luns e o día 22 deste mes celebrarase o Campamento Sentir, no que participarán 22 afectados pola diversidade funcional con idades comprendidas entre os tres e os 22 anos con diversas discapacidades.

As actividades que se desenvolven no campamento pretenden estimular os nenos, ademais de fomentar aprendizaxes a través do xogo e promover a sociabilización. Este ano, como novidade, os participantes acudirán a varias actividades cos nenos dos campamentos urbanos de Ferreira de Pantón e Sober para favorecer a inclusión e integración de todos sen importar as súas capacidades.

Así mesmo, haberá outras actividades, como un teatro con sombras coa colaboración do centro de día Vida Centro de Monforte que se converterá nunha actividade interxeracional, e traballarase na creatividade a través dun taller de pintura e grafitis combinando todo cunha sesión de musicoterapia.

A maiores, os participantes acudirán á leira O Carmen para interactuar cos cabalos como terapia.

Monforte terá xogos inclusivos en catro parques infantís
Comentarios