Monforte queda sen as súas festas patronais de agosto polo Covid-19

Soamente se manteñen a misa e ofrenda á virxe de Montserrat e os fogos de artificio
2020072114171438645
photo_camera Lumes de San Vicente celebrados noutra edición. ARQUIVO

O alcalde de Monforte, José Tomé, anunciou que, finalmente, este ano a cidade queda sen festas patronais en agosto. O rexedor xustificou esta decisión, que tomaron hai uns días, debido aos rebrotes de Covid-19 que se están producindo en varias localidades da provincia próximas como Monterroso e Vilalba. Tomé afirmou que tamén ten constancia dalgunha "persoa que se atopa en corentena na cidade por precaución, se ben non temos constancia de que sexan positivos confirmados".

Debido a iso, Tomé, cualificou esta decisión de moi "difícil de tomar e moi dolorosa" e que, a pesar de que se traballou en opcións alternativas, o goberno local tomou esta decisión porque estas celebracións levan consigo a aglomeración de persoas. "Así que esta decisión foi tomada única e exclusivamente por responsabilidade sanitaria con todos vos monfortinos e monfortinas", apuntou o rexedor da cidade do Cabe.

Os dous únicos actos que si se manteñen son a misa en honra á virxe de Montserrat, patroa de Monforte, o día 15 de agosto ás 11.00 horas como é tradicional, aínda que este ano será na Igrexa da Régoa. A comitiva da corporación municipal sairá ás 10.45 do Concello e realizará un percorrido a pé ata o santuario. A continuación, haberá unha ofrenda floral reducida, no atrio da igrexa, onde depositarán as flores o alcalde, os concelleiros que asistan e os membros da Cofraría das Camareiras da Virxe, para o que se acoutará un espazo co fin de evitar que se xunten moitas persoas.

O outro acto que se mantén son os tradicionais Lumes de San Vicente, que se poderán contemplar a medianoite do mesmo día 15, cunha proxección similar á de anos anteriores, aínda que a empresa pirotécnica conta nesta edición con menos tempo para a súa preparación.

O alcalde asegurou tamén que se manterá o cartel previsto para o próximo ano 2021, polo tanto desde o consistorio monfortino non adiantarán cales serán os artistas contratados, porque será o próximo ano cando ofrezan información sobre os concertos.

Tomé confirmou que, a pesar de non haber festas, si hai gañador do cartel das patronais, a quen se lle outorgarán os 1.000 euros de premio, tal e como consta nas bases do concurso.

A pesar da pandemia, presentáronse 20 propostas de cartel para as festas patronais 2020, que serán expostas na Casa da Cultura, desde o 21 ata o 31 de agosto para que os cidadáns poidan visitala de forma gratuíta. O nome do gañador darase a coñecer no momento no que se faga devandita exposición.

Comentarios