Monforte foi a cidade do baby basket

O pavillón da Pinguela acolleu a 200 nenos e o Val de Lemos exerceu como club anfitrión

Basket4
photo_camera Os participantes na concentración de baby basket de Monforte. EP

O pavillón da Pinguela foi por un día a capital do baloncesto de formación de Galicia. Houbo 200 nenos repartidos en 16 equipos que mostraron as súas habilidades cun balón ao que aínda están a dar os primeiros botes. O Val de Lemos, club centrado no deporte de formación, exerceu como anfitrión.

Como é habitual nas categorías iniciais, os partidos xogáronse sen marcador. Primaba pasar un bo intre, sen competir e vivindo experiencias novas para, no día de mañá, dispor de valores baseados na convivencia e o deporte en equipo.

O nivel baby basket é a gran novidade esta tempada na organigrama deportiva do Val de Lemos, que por primeira vez encargouse de organizar unha concentración que xuntou a diversas escuadras de Sarria, Ourense, Xinzo ou Maside. A pista dividiuse en dous para acoller partidos simultáneos, que se disputaban ao ancho e con canastras máis baixas que as que se utilizan en categorías superiores.

Con esta festa do baloncesto máis tenro, onde non hai luminoso nin estatísticas nin punto, pechouse unha fin de semana na que o baloncesto reinou en Monforte e que comezou coa visita dun xogador da Liga ACB. Salva Arco, do Breogán, aproveitou o seu paso pola cidade do Cabe para saudar aos xogadores das diferentes categorías do Val de Lemos, darlles algúns consellos, comentar as súas experiencias con deportistas superlativos como Marc Gasol ou Sergio Llull e incidir na importancia de compaxinar o deporte cos estudos.

RESULTADOS. A fin de semana deixou tamén partidos das xornadas de Liga rutineiras. Só un dos equipos que o Val de Lemos ten en competición conseguiu a vitoria.

Os cadetes, adestrados por Anxo Sánchez, Sanchino, derrotaron por 47-64 ao Xinzo a pesar de acudir con varias baixas ao encontro. O infantil mixto caeu por dous puntos de diferenza (66-64) ante o Maristas e o alevín, por un (37-38) fronte ao Franciscanas. O júnior masculino perdeu contra o Allariz e o feminino, ante o Seis do Nadal.

Comentarios