Miguel Lemos renuncia á xestora do PP de Monforte

Pide a Candia que busque a unha persoa que lidere o partido ata o seu congreso

Elena Candia saluda a Lemos en un acto del PP. EP
photo_camera Elena Candia saúda a Lemos nun acto do PP. EP

Miguel Lemos, elixido pola dirección provincial do PP o 28 de xaneiro deste ano para liderar a formación en Monforte a través dunha xunta xestora ata o proceso congresual para a elección dunha nova directiva local, pediulle á presidenta en Lugo, Elena Candia, que busque a outra persoa para coller as rendas.

Lemos recórdalle a Candia nunha carta que o pasado 12 de abril renunciou a encabezar a candidatura do PP ás eleccións municipais, polo que, aclarou, "sendo coherente e pensando sempre no ben do noso partido, expóñoche a necesidade de designar un novo presidente da xestora".

Neste sentido, engadiu que é a mellor forma de chegar "ao congreso local próximo (espérase que sexa en outubro) tan requirido por moitos dos nosos afiliados".

Con todo, na misiva, Miguel Lemos expresa o seu interese por seguir traballando "a reo polo bo futuro do PP de Monforte e pola prosperidade dos veciños do noso concello".

CRISE. Foron meses convulsos para a agrupación do PP monfortina. O partido intentou nun primeiro momento, en concreto a finais do pasado ano, colocar de cabeza de lista ás municipais a Roberto Eireos, torpedeado pola que exercía de portavoz municipal e é deputada autonómica, Julia Rodríguez.

Tras confirmarse que esta non repetiría buscouse unha alternativa a Eireos, sinalando como novo líder a Miguel Lemos, que ao pouco tempo renunciaba a ser o candidato por motivos que non foron explicados. Chegados a este punto, ao PP non lle quedou outra alternativa que atopar a outra persoa.

Finalmente foi o número dous de Miguel Lemos, a nova avogada Katherine Varela, a que se decidiu a dar o paso.

Poucos auguraban bos resultados para o PP tras a súa prolongada crise, pero Varela foi capaz de manter o tipo e só perder un edil, pasando de cinco a catro.

Comentarios