O mellor cine fantástico volve a Monforte

A nova edición do FanCine de Lemos chega repleta de novidades e priorizará os espazos ao aire libre, co 80% das actividades
Un grupo de jóvenes colaboradoras con el FanCine de Lemos en su última edición celebrada. AEP
photo_camera Un grupo de mozas colaboradoras co FanCine de Lemos na súa última edición celebrada. AEP

O festival de cine fantástico e de terror FanCine de Lemos quenta motores para a súa sétima edición, que terá lugar entre o 21 e o 25 de xullo. Tras un ano en branco por mor da pandemia, que impediu a súa celebración en 2020, este evento cinematográfico vén cargado de novidades.

A persoa á fronte da súa organización, o produtor Iván Patiño, móstrase moi ilusionado co regreso do FanCine. E é que no sector, conta, "hai moitas ganas de volver celebrar a cultura".

Á alegría polo retorno das proxeccións únese ademais a elevada participación deste ano, máis se cabe tendo en conta que o número de estreas reduciuse considerablemente. "Presentáronse 230 curtametraxes e fixemos unha escolla para quedar coas 19 que consideramos mellores", explica Patiño, que dá fe da dificultade que lle supuxo ao equipo encargado de realizar a selección ter que xulgar "traballos de moita calidade". Unha tarefa "mastodóntica", afirma.

Entre as cintas elixidas está Urdimbre: historia dunha desaparición, un filme elaborado na súa totalidade por monfortinos, desde os actores aos técnicos ou ao seu director, Rufo García. Para Patiño, poder contar con esta produción da zona dentro do programa é "a ledicia máis grande", posto que "crear canteira e ver que xente que pasa polo festival acaba estudando Imaxe e Son ou interesada polo mundo do cine" son para el "a mellor recompensa", indica.

En total, a sección oficial de curtos producidos en Galicia contará con seis títulos, "un dato fantástico", segundo Patiño, e que fará desta edición "a máis variada" das celebradas ata o momento.

NOVIDADES. No seu afán por innovar e buscar fórmulas que fagan do FanCine un evento máis atractivo cada ano, a organización optou por invitar a un país latinoamericano, neste caso, Chile. O obxectivo desta iniciativa é comprobar que ofrece o cine de terror chileno, para o que se proxectarán sete ou oito curtos. Iván Patiño vaticina unha boa acollida para esta actividade, que podería repetirse en próximas edicións.

Ademais de espazos ao aire libre –onde terá lugar o oitenta por cento do programa01, os cines e o Ateneo de Monforte, o festival viaxará tamén a Sober. Nesta localidade presentarase a terceira rolda de curtas e poderanse ver os primeiros minutos dunha película que se estreará o ano que vén. Chegar a Sober é "un paso importante" para o FanCine e Patiño recoñece que lle gustaría poder alcanzar máis municipios da zona en próximas edicións, aínda que entende que este ano a situación económica dos mesmos non era a máis adecuada para chamar ás súas portas. De face ao futuro tamén espera poder ampliar a duración do festival "a sete ou dez días", explica.

As curtas, varias master class e as longametraxes serán os eixos da sétima edición do FanCine de Lemos, que será presentada este mércores a partir das oito da tarde no Ateneo Casino.

Comentarios