Medio Rural recupera 80 hectáreas de bosques tradicionais con 9.500 castiñeiros no Courel

O proxecto pretende pór en valor os bosques autóctonos de Folgoso e Moreda, mediante a súa limpeza e recuperación para a produción sostible

Varios castaños. SEBAS SENANDE
photo_camera Varios castiñeiros. SEBAS SENANDE

A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, desprazouse este luns a Folgoso do Courel para supervisar os traballos que está a desenvolver o seu departamento neste concello da provincia de Lugo para recuperar unhas 80 hectáreas de bosques tradicionais con máis de 9.500 castiñeiros. Segundo informou a propia Xunta, esta iniciativa afecta a unhas 80 hectáreas de terreo, que pertencen a un centenar de propietarios, grazas a un investimento total de 430.000 euros.

Este proxecto autonómico pretende pór en valor os bosques autóctonos de Folgoso e Moreda, mediante a súa limpeza e recuperación para a produción sostible. A actuación financiada pola Consellería do Medio Rural comezou coa identificación das árbores e dos propietarios das parcelas, pero neste momento xa está en marcha unha segunda fase que consiste na mellora dos viarios de acceso e na roza dos terreos afectados.

A conselleira precisou que está previsto que a última fase se desenvolva ao longo de 2019, con poda das árbores e a mellora sanitaria deses exemplares de castiñeiro. Ademais da propia conselleira, tamén participaron na presentación destas actuacións aos veciños da zona, a alcaldesa, Dolores Castro; o director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, e técnicos de Medio Rural. 

Comentarios