Medio Rural apoiará o próximo ano o sector do viño con cinco millóns

O obxectivo é o de mellorar a elaboración e a comercialización, así como a promoción exterior

A Consellería de Medio Rural destinará o próximo ano cinco millóns de euros en axudas para o sector vinícola galego. Os fondos servirán para fomentar a produción e impulsar a súa promoción nos diferentes mercados.

Segundo sinalou o titular de Medio Rural, José González, haberá dúas liñas de apoio ao sector do viño no 2019. Unha servirá para mellorar as instalacións de elaboración e comercialización dos caldos e a outra para levar a cabo unha promoción máis eficaz fóra dos límites da Unión Europea.

O conselleiro anunciou que esta serie de axudas manterase no futuro. "Estamos convencidos de que o viño é un dos grandes valores do agro galego", precisou José González.

Desde a Xunta de Galicia fixeron unha valoración moi positiva da tempada de vendimas deste ano, sinalando que creceu un catro por cento respecto ao exercicio anterior. Medio Rural apuntou que en toda Galicia recolléronse 64 millóns de quilos de uva, o que supón a segunda colleita máis alta desde que hai rexistros.

Dos 64 millóns totais, só na Ribeira Sacra superáronse os seis millóns de quilos de uva colleitados. é a terceira denominación de orixe galega con mellores cifras, superada só por Rías Baixas (38,5 millóns) e O Ribeiro (9 millóns).

Na comarca, a uva máis numerosa é a mencía, que supera os cinco millóns de quilos. En Galicia, esta variedade representa máis do 79% da uva tinta total.

Respecto dos brancos, na Ribeira Sacra reinan os godellos, que se sitúan por encima dos 300.000 quilos recolleitos.

Comentarios