María Moure: "Tomiño e ourego son as plantas máis usadas no Courel"

A farmacéutica distingue 54 vexetais silvestres na comarca no seu novo libro ► María das Herbas botou dous anos vivindo na zona para desprazarse por alí sen ter coche
María Moure de Oteyza. EL CORREO GALLEGO
photo_camera María Moure de Oteyza. EL CORREO GALLEGO

María Moure de Oteyza estaba no bar de Rafael, en Seoane do Courel, cando un rapaz empezou a presumir de que sabía tanto de plantas medicinais tanto coma ela. María estudara toda unha carreira, Farmacia, e se especializara no tema; pero non o desafiou.

Sabía que estaba cuestionando unha sabedoría ancestral que conservaban os maiores daquelas montañas, especialmente as mulleres. "Aquí somos moi herbaxeiro", adoitan sinalar nos lugares máis altos da provincia.

O habitual en Galicia é que haxa unha muller que domine e se reserve o catálogo de plantas e usos, pero na montaña de Lugo o coñecemento está estendido; que recollan "cireixa da corriola" para fregar as costas cando teñen pulmonía ou unha ciática punzante.

Sabía que para coñecer soamente podería explorar o entorno das plantas –usos, recolleitas, ensalmos– a través das persoas que levaban toda a vida vendo e usando herbas para curar as feridas e doenzas.

A farmacéutica levaba un tempo asentada en Seoane –entre os anos 2003 e 2004– para estudar as herbas e as plantas. A tarefa comezara entre científicos e aparellos nun laboratorio, pero decidiu que o lugar axeitado para investigalas era onde se producían e que as persoas mellor informadas eran quen as recollían.

"En principio non foi fácil porque non teño coche", admite, pero cando se correu a voz de que había unha farmacéutica que preguntaba polas plantas empezaron a coñecela como "María das Herbas" e todo marchou lixeiro coma cando se baixa a ladeira un monte.

A falta de vehículo propio informábase de cando un veciño había de ir a unha aldea para que a levase, aínda que acabaron por avisar a María das Herbas cando souberon do seu interese. "E despois volvía andando".

"Subín varias veces ao Courel Alto, a uns quince quilómetros de Seoane, pero non tiña problema ao regresar. Ía camiñando, pero costa abaixo os santos axudan e facíao na primavera ou no verán, que son épocas agradables para pasear por esas montañas tan bonitas. Non era un traballo", afirma a farmacéutica, que é natural de Carballo. A vista era un deleite e, se tiña dificultades nos ollos, podía cocer uns froitos de sabugueiro para fregar os ollos como se fose un colirio.

A investigadora vén de publicar o primeiro tomo de María das Herbas ou as herbaxeiras do Caurel, crónica da cultura popular nunha terra extraordinaria (Teófilo Edicións), que será unha triloxía e lle permitirá non ter que contestar cando a desafíen no bar de Rafael. Esta primeira entrega leva un catálogo de 54 plantas herbáceas silvestres -dun total de 150-, e cantigas, adiviñas e ritos.

María Moure de Oteyza apunta que se segue recorrendo ás plantas, especialmente "ao tomiño para problemas dixestivos e ao ourego para problemas respiratorios". Un costume que quedou apartado no esquecemento é un ritual no que se usan peras cativas dunha pereira brava para facer un "encouto" (ensalmo). As herbaxeiras aseguran que era infalible para as doenzas do órgano que máis nos manca, o corazón.

Xanzá, a raíña que habita nas alturas

A planta máis poderosa que habita O Courel é a xanzá, un tipo de xenciana, indica María Moure de Oteyza. A súa raíz é aprezada "para baixar a tensión e o zucre no sangue, para mellorar a circulación, para facer gárgaras en caso de farinxite ou dor de moas. Nas casas hai un tarro con xanzá". Para a farmacéutica "é a máis representativa do Courel, eu chámoa A Raíña".

Condicións
A Raíña cóidase moito de que a atopen. "Soamente se dá en lugares concretos entre Galicia e León, e a 1.200 metros de altura condicións moi particulares de clima e de substrato. Quedan poucos lugares e non se divulgan porque non se usan as follas, senón a raíz. Se arrincas a raíz acabas coa planta enteira".

"A sacos"
A experta denuncia que "hai uns anos as levaron a sacos porque non hai ningún control". A esperanza é que "hai unha empresa que empezou a cultivalas in situ nos Ancares", expón María Moure de Oteyza.

Comentarios