María José Blanco: "Hai que ter boa carne e cocela como se fixo toda a vida"

O restaurante O Pendello é un dos máis antigos da Praza dos Pulpeiros de Castro de Carballedo
María José Blanco, en Os Pendellos. M.PIÑEIRO
photo_camera María José Blanco, en Os Pendellos. M.PIÑEIRO

Na Praza dos Pulpeiros de Castro de Carballedo hai catro espazos onde a xente pode gozar da gastronomía local os días 17 e 29 de cada mes Un dos máis antigos é O Pendello, que leva María José Blanco.

Antes de nada, O Pendello non é un restaurante ao uso.
Non. Este é un lugar que abre só os días de feira. A xente pode pedir carne ao caldeiro, richada ou un filete. Tamén poden pedir o polbo dos postos que se poñen na praza, que veñen do Carballiño. A maiores, aquí tamén teñen pan, patacas, viño e outras bebidas.

Como fai a carne ó caldeiro?
Preparo todo como aprendín dos anteriores donos. Teño un caldeiro propio para cocer a carne, Poño a augar a ferver cedo, auga limpa, e cando ferve boto a carne, un chisco de sal e unto de ibérico. Está 40 minutos fervendo e despois bota un anaco de respouso. Ao servir engado pemento picante e sal.

Algún segredo?
Eu escúmoa moi ben, creo que iso se nota. 

E a carne richada?
Uso para fritila aceite de oliva virxe e bastante cebola. Ademais, para isto uso o corte da pata de diante da tenreira. 

É importante o corte da carne?
É importante que sexa boa carne. Eu dende sempre cólloa na carnicería Cazolo da Barrela. Para a richada, xa pido sempre o corte da pata de diante. Na carne ó caldeiro vai un pouco ao gusto do cliente, hai xente que prefire xarrete, costela, agulla, algo de cabeza, xarrete con óso. Na posta (ración) van entre 500 e 650 gramos de carne e mesturamos cortes, pero ás veces o cliente xa pide carne ó caldeiro de xarrete ou de agulla... un pouco ao gusto.

Canta xente pode pasar polo Pendello?
Un día de feira dos normaliños pasamos de 150 personas. Se cadra unha feira a domingo ou te vas ao verán, moita máis. Ás veces hai xente que quere reservar e xa non pode porque non queda sitio. Eu teño 16 mesas e dan o que dan.

Non precisa promoción.
A verdade é que non moita. A mellor promoción é dar bo produto e atender ben á xente. O resto xa o fai o boca a boca. 

Ten clientes de moitos lugares?
Si. Vén moita xente da comarca, pero tamén de Ourense, de Vigo, no verán hai moito visitante. A xente xa sabe que estamos o 17 e o 29 e moitas veces xa programan para vir e reservan.

A xente é máis de polbo ou de carne?
Houbo tempos que a xente viña polo polbo. Moita pedía carne, pero outra non. Na actualidade van moi igualados. Ao mellor a xente pide dúas racións de polbo e outras dúas de carne. Hai xente que chama para comer só carne richada. Unha que prefire comer con patacas e outras con pan.

As patacas do Pendello teñen algo especial?
Están cocidas na auga da carne, non teñen outra cousa.

Hai relevo para O Pendello?
Por agora a min aínda me quedan un par de anos de traballo, despois xa veremos. Non hai nada decidido.

Comentarios