viernes. 23.08.2019 |
El tiempo
viernes. 23.08.2019
El tiempo

Máis dun centenar de expertos debaten en Monforte sobre educación

Asistentes á sesión inaugural do congreso. L.A.R.
Asistentes á sesión inaugural do congreso. L.A.R.

A conferencia inaugural correu a cargo da socióloga Julia Varela, que falou da identidade social e os modelos de ensino

O XX Coloquio- Congreso Internacional Historia da Educación, baixo o título Identidades. Internacionalismo. Pacifismo y Educación. Siglos XIX y XX, empezou en Monforte con 150 investigadores acreditados, quen falarán sobre os modelos educativos existentes ao longo destes dous séculos. A socióloga Julia Varela abriu o congreso cunha conferencia onde analizou a identidade social dos individuos e os modos de educación.

Ao acto de apertura, que se celebrou na casa da cultura, acudiron o presidente da Sociedade Española de Historia da Educación, Eugenio Otero Urtaza; as vicerreitoras do Campus de Ourense e Santiago, Esther de Blas Varela e Mar Lorenzo Modelo; así como o catedrático da Universidade da Coruña, Narciso de Gabriel, a deputada de Cultura da Deputación de Lugo Pilar García Porto, e o presidente do congreso, Xosé Manuel Cid. Tamén os acompañou o alcalde de Monforte, José Tomé. Todos eles resaltaron a importancia da educación para conseguir unha sociedade máis igualitaria, progresista e como motor para o cambio social.

No congreso, os expertos asistirán á exposición e o debate 117 comunicacións. Delas 47 enfocaranse cara á sección de identidades, 29 ao internacionalismo, 15 ao pacifismo e 22 a outros aspectos. Estes traballos estarán preparados por investigadores das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo en colaboración cos centros de Firenze (Italia), Nova de Lisboa (Portugal) e do Estado de Santa Catarina (Brasil). Haberá tamén unha conferencia, un simposio e dous talleres.

PLENARIO. O coloquio de apertura correu a cargo da catedrática emérita de Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid, Julia Varela, quen falou sobre as identidades sociais e os modelos educativos durante a historia, centrándose na época da Contrarreforma.

A investigadora apuntou que a identidade social dos individuos conformábase segundo a clase á que pertencían e o modelo de aprendizaxe que recibían. Varela sinalou que naquela época considerábase a educación como un elemento perpetuador da orixe social. A catedrática de Socioloxía apuntou que os ensinos se constitutían para o mantemento das clases, para crear bos súbditos e cristiáns, e que se centraban no coidado da fala, a destreza do enxeño ou o coidado do corpo. Varela apuntou que a Contrarreforma contribuíu a empobrecer a educación das clases baixas e a atrasar os avances sociais.

Máis dun centenar de expertos debaten en Monforte sobre educación
Comentarios