Máis de 59.000 persoas viaxaron nos catamaráns desde o mes de abril

A ruta fluvial polo canón do Sil é a máis demandada, con 46.491 persoas embarcadas
 
Embarcadero del catamarán en Doade este verano. AEP
photo_camera Embarcadero del catamarán en Doade este verano. AEP

Os catamaráns da Deputación de Lugo que navegan polos encoros do Sil e o Miño son o principal reclamo turístico co que conta a Ribeira Sacra. Así o demostran os datos en poder do organismo provincial, pois desde o pasado mes de abril ata este outubro vendéronse 59.024 pasaxes, un catro por cento máis que no mesmo período do ano anterior.

A ruta máis demandada é a que parte de Doade e discorre polo canón do Sil. Neste caso, os totais foron de 46.491 persoas, un dous por cento por enriba das cifras de 2018. Destaca a ocupación rexistrada en agosto, con 13.033 billetes vendidos, case o dobre dos tramitados en xullo e agosto, con algo máis de 7.000. Xuño tamén foi un bo mes (5.988 viaxeiros), do mesmo xeito que o pasado outubro, que con 4.545 superou os rexistros dos meses de abril e maio.

O Miño cobra protagonismo, pois a pesar de ter 11.658 viaxeiros creceu un 15 por cento

GRAN CRECEMENTO. Se os datos son bos para o catamarán do Sil aínda son mellores para o do Miño, o que parte do pobo de Belesar que comparten os concellos de Chantada e O Saviñao.

A embarcación que sae deste punto e chega ata Maiorga, en Pantón, tivo un crecemento do 15 por cento no número de usuarios con respecto ao pasado ano. De 10.724 pasaxes pasouse a 11.658.

Iso ten que ver, din as axencias de viaxe que operan na zona, cun crecente interese por unha paisaxe na que se aprecian os viñedos en socalcos nas fortes pendentes dos montes que acaban a beiras do Miño.

Xullo, agosto e setembro foron os meses máis demandados. Outubro e o pasado abril, foron os que menos, con 875 e 625 pasaxes, respectivamente, vendidas.

Un prezo de nove euros para unha experiencia única 
En ambos os casos, o prezo da viaxe en catamarán é de nove euros con desconto para menores, xubilados ou estudantes. Pódense facer reservas a través da páxina http://reservas.rutasembalses.es/ no número de teléfono 982. 26.01.96. Os traxectos teñen unha duración de dúas horas e as saídas tanto no Miño como no Sil son ás 11.30, 16.30 e 19.00 horas. 

A oferta privada 
O río Miño opera unha empresa privada á que se pode recorrer para pequenos grupos. Chámase Quinta Sacra. O Sil, a adega Algueira ofrece un servizo das mesmas características.

Máis en Ribeira Sacra
Comentarios