Luces led realzarán e protexerán as obras da pinacoteca do Cardeal

Os labores de mellora supuxeron un gasto de 35.000 euros, un 80% asumido pola Xunta
2020070112373757156
photo_camera Acto celebrado na pinacoteca para dar a coñecer a nova iluminación. L.A.R.

 A pinacoteca do colexio do Cardeal de Monforte conta cun novo sistema de iluminación. Foi deseñado para facilitar a observación das pezas artísticas e históricas que se exhiben neste espazo, pero tamén para mellorar as súas condicións de conservación. A actuación supuxo un investimento de 35.223 euros. Deles, a Fundación Colexio da nosa Señora da Antiga achegou 8.000 mentres que o resto foi asumido pola Xunta de Galicia.

A intervención forma parte do plan de xestión da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, promovido polo Executivo galego coa fin de reforzar a candidatura deste territorio a Patrimonio da Humanidade.

Segundo os responsables da iniciativa, na nova iluminación utilízase tecnoloxía led de alta calidade e asegúrase a inexistencia de radiación ultravioleta, unha mínima disipación térmica e a ausencia de infravermellos. Ademais, regúlanse todos os sistemas de modo que os valores de iluminación axústense ás recomendacións de conservación fixadas para este tipo de bens.

A estancia acolle, entre outras pezas, dous cadros do Greco e táboas de Andrea do Sarto

A instalación museística, situada na antiga sancristía da igrexa do colexio do Cardeal, alberga dous lenzos do Greco, cinco óleos sobre táboa procedentes do taller do artista italiano Andrea do Sarto e outras obras pictóricas de menor importancia. Así mesmo, neste espazo gárdanse valiosas pezas bibliográficas, antigos documentos e ornamentos litúrxicos. A maioría das pezas proceden do legado do cardeal Rodrigo de Castro, fundador do colexio que actualmente está en proceso de ser declarado ben de interese cultural.

Segundo indicaron desde a Xunta, o procedemento, iniciado en 2019 pola Consellería de Cultura, quedará resolto nos próximos meses.

O Goberno autonómico cualifica este conxunto monumental como "un recurso turístico relevante non só para Monforte, senón para toda Galicia". Os seus responsables engadiron que "conta cun gran potencial na captación de turismo cultural".

Máis de 9.000 visitas en 2019 
O colexio do Cardeal viviu un 2019 moi especial. Cumpríronse 400 anos da consagración da igrexa, un evento que coincidiu cunha marca de visitas que desde a Fundación Nuestra Señora de la Antigua situaron en algo máis de 9.000. Esta cifra engloba todo o monumento, sendo a escaleira, o claustro principal, a pinacoteca e a igrexa, co retablo de Francisco Moure, recentemente rehabilitado, as partes máis representativas do edificio.

Camiño de Inverno 
A Fundación ten en marcha outras iniciativas, como pór a disposición da secretaría do centro e da recepción un tampón para que os peregrinos que realizan o Camiño de Inverno podan selar a súa 'compostelana' xa que a afluencia dos mesmos crece exponencialmente.

Comentarios